“Todos os días deben ser 8 de Marzo!”

Como cada 8 de marzo, o Concello de Nigrán sumouse á reivindicación do Día Internacional das Mulleres e renova o firme compromiso coa igualdade entre mulleres e homes, “piar fundamental para o avance da sociedade e a democracia”. Para este ano 2022 Nacións Unidas elixiu o lema “Igualdade de Xénero hoxe para un mañá sostible”, co obxectivo de recoñecer e visibilizar a contribución das mulleres na loita contra o cambio climático que está ocasionando graves consecuencias no desenvolvemento económico, aumentando a precariedade laboral, a fenda salarial, e a pobreza enerxética, cuestións nas que as mulleres se ven afectadas en maior medida.

A concelleira de Igualdade, Patricia Diego, foi a encargada de ler o manifesto durante a concentración convocada ás 11:15. “Conmemoramos este 8 de marzo logo de dous anos de pandemia, un feito doloroso e inesperado que conmocionou as nosas vidas. As mulleres estivemos en primeira liña desenvolvendo unha labor imprescindible, xa fora dende servizos esenciais como a sanidade, a agricultura, o comercio, a ciencia e a investigación, ou asumindo as labores de coidados no ámbito máis privado”.

“A crise sanitaria -continuou dicindo a concelleira- levou consigo outra crise social e económica que está afectando especialmente ás mulleres, somos nós as que sufrimos en maior medida o desemprego ou os ERTES, as que tivemos que multiplicarnos durante este tempo para atender o traballo profesional e as tarefas de coidado a costa da carreira profesional e o benestar. Aínda sen superar os efectos da pandemia outra crise de efectos impredecibles como consecuencia dunha guerra absurda, como todas as guerras, nos ameaza”.

O Concello de Nigrán considera que potenciar a igualdade entre mulleres e homes neste contexto de crise será sen dúbida un dos maiores desafíos deste século. Son moitos os retos pendentes:

  • A segregación laboral que mantén ás mulleres nos traballos peor remunerados e dificulta a promoción da carreira profesional.
  • A precariedade laboral que mantén ás mulleres en traballos temporais e a tempo parcial.
  • A falta de corresponsabilidade doméstica que lastra o desenvolvemento profesional das mulleres incrementado a fenda salarial coa conseguinte repercusión que terá sobre as pensións.
  • A fenda dixital de xénero nunha sociedade altamente tecnificada.
  • A segregación educativa con escasa presenza de mulleres en titulación científicas e de homes en titulacións relacionadas coa educación, o coidado e a atención a persoas dependentes.
  • A erradicación da violencia de xénero, unha lacra que non cesa e que no ano 2021 acabou coa vida de 43 mulleres e 6 menores. Para todas elas un sentido homenaxe.
  • O auxe dos partidos de extrema dereita que ameazan dereitos que creíamos consolidados como os dereitos sexuais e reprodutivos ou os recursos que combaten a violencia de xénero.
  • A erradicación da prostitución e a trata de mulleres e nenas co fin de explotación sexual.
  • O teito de cristal que impide ás mulleres acadar postos de responsabilidade.

“Estes son só algúns dos desafíos que deben afrontarse dende as institucións públicas, é necesario impulsar políticas que corrixan as discriminacións existentes e ofrezan unha reposta eficaz para as mulleres. Dende o Concello de Nigrán nos reafirmamos na necesidade de seguir conmemorando cada 8 de marzo e de loitar pola igualdade efectiva entre mulleres e homes todos os días do ano. TODOS OS DÍAS DEBEN SER 8 DE MARZO!!!”, concluíu o manifesto.