O PP de Baiona critica a retirada da pasarela de madeira da Ladeira

Pechar instalacións ou suprimir servizos en lugar de afrontar os problemas que poidan ir xurdindo no día a día ou co mantemento. O Partido Popular de Baiona afirma que iso é o que o goberno local leva facendo desde hai máis de dous anos cando entrou no Concello.

“Denunciámolo desde o principio pero co paso do tempo a falta de atención do alcalde e de todo o seu equipo ás necesidades do noso municipio vaise facendo máis perentorio”, lamentan desde o grupo municipal popular, e a última mostra desta forma de “antixestión” é a retirada da pasarela de madeira da praia de Ladeira que discorreu entre as dunas durante máis dunha década. Non se arranxaron os danos e, como solución, o goberno local precintouna inicialmente durante meses para evitar o paso polo perigo para os peóns e agora, en lugar de reparala, eliminou todo o entaboado.

“E o peor, sen previsión nin intención de restituíla cando o que deberían facer é buscar financiamento noutras institucións (Xunta, Deputación ou Estado) para arranxalo como no seu momento fíxose con Costas, que foi quen construíu esta pasarela”, consideran os populares. “Así, agora a situación que presenta este carreiro supón outro duro golpe máis á mobilidade debido a que reduce as posibilidades de acceso ás dunas e á praia das persoas con mobilidade reducida”.

“A falta de Policía Local na quenda de noite ata finais do mes de xullo, o talaso natural de Monte do Boi leva dous anos sen funcionar, o edificio do Concello continúa sen ascensor, o Camiño Portugués da Costa está abandonado, os pasos de peóns non se pintaron en dous anos e están borrados, devólvense subvencións por non ter proxecto para utilizalas, a limpeza de contornas naturais e de xardíns brilla pola súa ausencia e así un longo etcétera que prexudica grave e directamente aos veciños. Porque, con todo, si se mantiveron os impostos e as taxas a pesar dos estragos que a pandemia ocasionou na economía das familias de Baiona”, conclúen os populares.