A intelixencia emocional a xogo en Gondomar

Baixo o título “Unha viaxe ao meu corazón” desenvólvese estas semanas no municipio de Gondomar un obradoiro psicoeducativo, organizado pola Concellería de Xuventude que dirixe Nuria Lameiro, centrado no traballo e xestión das emocións propias e alleas.

Un total de 30 nenos e nenas do municipio, de entre 8 e 12 anos, participan nesta actividade, que se dividiu en dous grupos, finalizando o primeiro este venres cun acto de despedida ao que asistiu a edil de Xuventude, Nuria Lameiro, e a técnica de Xuventude, Alicia Sestelo, no que puideron ver os diferentes traballos desenvolvidos durante sete días, e que obxectivos agochaban cada un deles, explicados pola propia rapazada.

O obradoiro, dirixido pola psicóloga Paula Fernández Rodríguez, propón diversas actividades a través das que os participantes coñecen os sentimentos e emocións que unha persoa pode xerar. Recoñecelos e saber xestionalos adecuadamente en cada situación permitiralles converterse en persoas empáticas, resilientes e asertivas; comprender e xestionar non só as súas emocións se non as daqueles cos que se atopen ao longo da súa vida.

Desde o departamento de Xuventude incídese na importancia de apostar pola intelixencia emocional e traballar sobre ela, incluíla no desenvolvemento das novas xeracións, razón pola que se organizou o obradoiro, que a semana que vén recibirá ao segundo grupo de participantes.

Dentro desta política que se promove desde a Concellería naceu a iniciativa Falamos, charlas-obradoiro dirixidas ao alumnado dos institutos e familias, nos que se abordan non só as emocións se non outras cuestións que adoitan converterse en punto de conflito ou distanciamento entre proxenitores e adolescentes.