Denuncian a presenza de abundante lixo no tramo do río Miñor entre Gondomar e Mañufe

Voluntarios de Proxecto Ríos de Gondomar, despois de realizar unha prospección rutineira das marxes e o leito do río Miñor desde o centro da Vila ata a ponte de Mañufe, denuncian o comportamento negativo e desleixo dalgunha veciñanza co mesmo. Abundante lixo, sobre todo plásticos e derivados, están depositados nas marxes do río, tanto na superficie coma na auga. Tamén hai polas de gran porte tiradas nalgúns puntos do río. “Hai anos que non se chegaba a este nivel de sucidade e degradación neste treito. Despois de moitos anos con campañas de limpeza, charlas e exposicións, é frustrante que se reproduzan estes comportamentos. Facemos un chamamento á cidadanía, mocidade e maiores, que respecten un ben natural que tanta vida e momentos de lecer proporciona”, apuntan desde o voluntariado. Así mesmo, lembran que as administracións competentes teñen moito que facer ao respecto, “o medio natural e o patrimonio son bens comúns”.