A Xunta aproba novos descontos para os usuarios da autoestrada do Val Miñor

O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba unha bonificación do 100% na viaxe de volta para as familias numerosas nas peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57), que será efectiva desde mediados do vindeiro mes de agosto. A Xunta tamén aprobou a extensión ás 24 horas posteriores á viaxe de ida do desconto do 25% na volta, e do 50% na segunda volta, aos usuarios recorrentes, que ata agora se aplicaba ás viaxes realizadas no mesmo día.

A Xunta estima que arredor de 26.840 familias numerosas se poderán beneficiar da bonificación do 100% da peaxe da viaxe de volta nas citadas autoestradas autonómicas todos os días, excepto os domingos e os festivos.

A medida enmárcase na Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que prevé que “a Administración autonómica establecerá bonificacións nas peaxes das autoestradas da súa titularidade e preverá prezos reducidos para as familias nas licitacións de contratos de xestión de aparcamento nos hospitais públicos e centros dependentes dela”.

Para acollerse a esta bonificación, a unidade familiar deberá estar en posesión dun título de familia numerosa en vigor. Tamén será preciso cubrir o impreso de solicitude de alta na epígrafe da páxina web da sociedade concesionaria: http://www.autoestradas.com.

Para beneficiarse dos descontos, é necesario que o mesmo vehículo sexa obxecto do pagamento do traxecto de ida e volta nun prazo máximo de 24 horas desde o aboamento da viaxe de ida. O coche deberá utilizar como método de pagamento un sistema de peaxe dinámico ou telepeaxe, con OBE.

Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos daquelas familias integradas por pais divorciados, ou de categoría especial, excepcións que deberán ser acreditadas documentalmente.

Esta bonificación contribuirá á economía destas familias, propiciando aforros económicos nos seus desprazamentos e facilitando a súa mobilidade.

Así, por exemplo, unha familia que se desprace da Coruña a Carballo pola AG-55, fronte á tarifa de 5,10 euros de peaxes na ida e na volta que pagaría sen descontos, aboará só 2,55 euros, ao bonificarse o 100% da viaxe de regreso. No caso dunha familia que realice o itinerario entre Vigo e Baiona, fronte ao importe ordinario de 3,40 € de ida e volta, a cantidade que terá que aboar será de 1,70 €, ao acollerse á bonificación por familia numerosa.

Os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle a esta bonificación os descontos do 50% en horario nocturno, xa en vigor desde o 1 de outubro de 2019. Así, por exemplo, unha familia que se desprace ás 5:30 horas da madrugada para acudir ao traballo e regrese ás 17:00 horas poderá optar á bonificación do 50% da ida por horario nocturno e do 100% da volta como familia numerosa.

A activación desta nova bonificación fixo necesaria a instalación de 70 cámaras e o software correspondente para a identificación e lectura da matrícula asociada a cada familia numerosa. Neste sentido, na AG-55, dispuxéronse 26 cámaras na vía de peaxe e 4 en arcos de entrada; e na AG-57, 36 cámaras na vía e 4 en arcos de entrada.

Extensión do desconto para usuarios recorrentes

Por outra parte, o Consello da Xunta tamén autorizou hoxe a ampliación do actual desconto do 25% da volta, e do 50% na segunda volta, aos usuarios recorrentes ata as 24 horas posteriores á realización da viaxe de ida.

Con esta modificación, esténdese ás 24 horas despois do traxecto de ida o desconto do 25% da viaxe de volta, e do 50% na segunda viaxe de volta, reforzando así o actual período de bonificación que establecía ata agora que a volta debía realizarse no mesmo día natural que a ida, favorecendo especialmente as persoas que se desprazan polas autoestradas de titularidade autonómica para acceder aos servizos públicos ou acceder ao seu lugar de traballo, como o caso dos sanitarios.

Cómpre lembrar que nas autoestradas autonómicas vénse aplicando desde o ano 2010 nos días hábiles unha rebaixa do 25% do importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, que se incrementa nun 50% na segunda e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas co uso do Vía-T.

Estes incentivos súmanse á bonificación do 50% da peaxe en horario nocturno, que se vén aplicando desde o 1 de outubro de 2019. Este desconto está dispoñible para todo tipo de vehículos de luns a domingo, entre as 12 da noite e as 6 da madrugada.

Cómpre lembrar que as autoestradas de titularidade autonómica, a estrada A Coruña- Carballo e do Val Miñor, son unhas das máis baratas de España.