13 centros do Val Miñor desenvolverán este curso a iniciativa de contratos-programa

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // CEP Xosé Neira Vilas en Peitieiros.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2017/18, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Un total de 212 centros públicos da provincia de Pontevedra beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar, un 12% máis ca no curso anterior. En total poranse en marcha 575 iniciativas diferentes que se corresponden con algunha das sete liñas de actuación que abrangue esta iniciativa.

Os centros participantes na comarca do Val Miñor son o CPI de Cova Terreña, o CEP de Sabarís e o CEIP de Belesar en Baiona; o CEIP Serra-Vincios, o CEIP Plurilingüe Souto-Donas, o CEP Xosé Neira Vilas, o IES Auga da Laxe e o IES Plurilingüe Terra de Turonio en Gondomar; e o IES Val Miñor, o IES Escolas Proval, o CEIP Mallón e o CEE de Panxón en Nigrán.

Instrumento de apoio aos centros

Os contratos programa arrancaron hai seis anos como instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan levar a cabo un plan de mellora específico en función das necesidades detectadas entre o seu alumnado. Na convocatoria deste ano incorporouse unha nova liña de actuación (a sétima) exclusiva para o alumnado de 3º e 4º de ESO e de FP Básica que presenta baixos resultados académicos co fin de reforzar, preferentemente, as competencias matemática, lingüística e en ciencia e tecnoloxía.

A súa finalidade última é acadar unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro docente analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Anuncios