
A Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar celebrou esta mañá unha nova reunión do Consello Municipal da Muller na que se abordaron diferentes cuestións relacionadas coa actividade desenvolta neste departamento durante o primeiro semestre do ano.
A reunión, celebrada de forma telemática, estivo presidida pola responsable do departamento, Nuria Lameiro, e a secretaria do Consello, Susana Fernández, axente de Igualdade, que ademais de aprobar as actas do último encontro, celebrado o pasado mes de marzo, informaron sobre as distintas actividades realizadas ata o momento desde o Centro de Información á Muller (CIM).
Así se destacaron as accións realizadas este ano en colaboración cos centros escolares do municipio, facendo fincapé na necesidade de implicar ás novas xeracións na identificación de condutas machistas e a sensibilización pola aposta nos valores de igualdade entre homes e mulleres. Para iso celebráronse diferentes obradoiros dirixidos a estudantes de primaria.
Cursos on-line dirixidos a mulleres, implicación dos clubs deportivos na defensa dos valores da igualdade ou a publicación dunha guía sobre a violencia de xénero, como identificala e combatela son outras das actividades desenvolvidas polo CIM ás que se sumarán nos próximos meses novas iniciativas.
Ademais, tamén se realizou balance sobre o Plan Municipal de oportunidades de homes e mulleres destacando a concelleira que “seguimos avanzando na aplicación e desenvolvemento do seu contido co fin de seguir loitando por unha maior integración das mulleres na sociedade e a consecución dunha igualdade real”.