Suárez e Iglesias, sólidos líderes a falta dunha sección

Completados os dous primeiros bucles da etapa do sábado no 54 Rallye Recalvi Rías Baixas, a parella formada por Jose Antonio “Cohete” Súarez e Alberto Iglesias comandan a proba con autoridade. Os asturianos do Recalvi Team contan os tramos por vitorias parciais e xa avantaxan en máis dun minuto e medio ao seguinte clasificado. De momento o podio no Rías complétano Sergio Vallejo e Jorge Pérez, nunha particular toma e daca que practicamente provoca intercambio de posicións entre ambos tras cada especial.

Do grupo de cabeza descolgáronse, entre outros, o asturiano Óscar Palacio, moi penalizado tras sufrir dúas picadas; os irmáns Pais, atrasados por unha avaría no seu Renault Clio N5, ou Adrián Costas.

Así as cousas, Pablo Rey, David González, Albert Orriols ou Jorge Cagiao, líder entre as dúas rodas motrices, ocupan o resto de posicións de cabeza nun rallye no que as humidades e a elección de pneumáticos están a ser clave, con varias saídas de estrada; unha delas a que provocou a neutralización da segunda pasada por Vigo-Nigrán para, aproximadamente, a metade dos participantes.

Polo demais, destaca tamén a boa carreira que está a realizar ata o momento o local Pablo Pazó, aos mandos dun histórico Talbot Sunbeam Lotus e co que, ademais de dar moito espectáculo, está a ser capaz de rodar no grupo dos dez primeiros clasificados.

No criterium Recalvi seguen á fronte do mesmo Abel Pampillón e Pablo Gregorio, aos mandos dun Mitsubishi Evo IX.
A pesar dalgunha saída de vía, en xeral a mañá transcorreu con total normalidade despois de traballar durante boa parte da noite para limpar a vertedura de aceite que apareceu en parte do tramo de Gondomar-Porriño.

Resta unha última sección, coas terceiras pasadas aos tramos de Vigo-Nigrán (14,610 km), e Gondomar-Porriño (10,650 km) para coñecer ao gañador final desta edición do Rallye Recalvi Rías Baixas. O tramo de Salceda, o mesmo co que concluían as seccións matinais, só percórrese en dúas ocasións.