
O Concello de Nigrán recuperará o dispositivo anterior á pandemia para a noite de San Xoán en Praia América ante a previsión de que sexa multitudinaria unha vez rematadas as restricións e tras dous anos sen poder festexarse. Así, tal e como se acordou na Xunta Local de Seguridade presidida esta mañá pola Subdelegada de Goberno, Maica Larriba, e o alcalde de Nigrán, Juan González, a totalidade da Policía Local participará no dispositivo con algo máis de 30 efectivos aos que se sumará Garda Civil e axentes de Tráfico, Seprona, Policía Autonómica, GES e Protección Civil, sumando entre todos máis de 200 persoas. Entre eles haberá axentes non uniformados para poder previr con maior anticipación situacións delictivas como furtos ou conflitos.
Xuntos establecerán un amplo perímetro que se encargará de realizar controis de drogas e alcoholemia nas saídas e cruces de todas as estradas comprometidas; vixiarán posibles furtos, venda de alcohol a menores, alteracións da orde pública, etc. A maiores, como vén sendo habitual, a zona contará cun hospital de campaña e un Punto Violeta de atención a posibles casos de violencia de xénero.
“Temos todo disposto e completamente coordinado para que, como cada ano, a noite transcorra con normalidade, sen incidentes, e que, polo tanto, as fogueiras sexan as auténticas protagonistas da festa máis señeira de Nigrán”, resume o rexedor.
Tamén como se vén facendo, o Concello de Nigrán blindará as dunas de Panxón cun valo para evitar calquera dano e dotaranse dunha iluminación extra para que a vixilancia por parte do Seprona sexa o máis efectiva posible. “Non se pode arroxar pola borda nunha noite o traballo realizado durante anos para a rexeneración dunar, temos que ser precavidos”, insiste Juan González.
Nesta ocasión, ao non terse constituído Comisión de Festas de Panxón, simplemente haberá un concerto pola noite organizado polo Concello e nada de atraccións nin postos de feirantes, polo que nese sentido o dispositivo contará con máis espazo liberado para vixilancia, posible evacuación ou estacionamento.