Veciños de Priegue organizan unha recollida de firmas contra os continuos cortes de subministración eléctrica

O pasado domingo familias da parroquia de Priegue volveron resignarse durante case 6 horas ante un novo corte de subministración eléctrica. As avarías e cortes de subministración que se producen na liña de transporte de enerxía eléctrica desde a subestación de Balaídos á de Gondomar son constantes, chegando a existir máis de 60 incidencias anuais, o que está a causar unha situación insostible.

Tras anos padecendo está problemática decidiron canalizar as queixas, ata o de agora individuais, a través dunha recollida de firmas para protestar pola falta de respostas da empresa eléctrica e elevar a súa queixa conxunta á Xunta de Galicia, á Defensora do Pobo e á Consellería de Industria.

Tamén facilitarán follas de recollida de firmas nas parroquias viguesas de Saiáns e Coruxo, debido a que os seus veciños tamén son usuarios afectados por estes cortes de subministración eléctrica. Ademais de percorrer as parroquias procurando usuarios afectados, dispoñerán follas de firmas en diferentes puntos das zonas afectadas: Cafetería O Torreiro, CRC OTorreiro de Priegue; Cafetería Catty Shark, Coruxo; Café Bar Alegría del Bollo, Saiáns.