O Turonia Gondomar abre as inscricións do seu Campus de Fútbol Gaélico

O Turnonia GFG informa que xa están abertas as inscricións para participar no seu Campus, centrado na aprendizaxe do fútbol gaélico e un primeiro achegamento á cultura irlandesa para as idades de 8 a 17 anos, sendo desenvolvido por persoal do Turonia Gondomar FG e técnicos da AGFG (Asociación Galega de Fútbol Gaélico), en colaboración co Concello de Gondomar, que acolle a actividade dentro do seu programa deportivo de verán e cede as instalacións municipais do Campo de Fútbol das Gaiandas para o seu desenvolvemento. Así mesmo, contan coa colaboración de diferentes entidades privadas que permiten que esta actividade se leve a termo.

A semellanza dos Cool Camps (“Cúl Camps” en Gaélico), os campus de verán dirixidos á aprendizaxe dos deportes gaélicos (fútbol, hurling, …), promovidos pola GAA (Gaelic Athletic Association) e que se desenvolven por toda Irlanda, o campus do club miñorano pretende achegar á mocidade o fútbol gaélico dun xeito práctico e divertido. Por primeira vez, un campus deste tipo, vai ter lugar en Gondomar do 23 ao 27 de agosto de 2021 en horario de 10:00 a 13:00 horas. Tamén será o primeiro campus das recen creadas Gaélico Escolas da Asociación Galega de Fútbol Gaélico.

Os pais e nais interesados en inscribir aos seus fillos poden facelo ata o 16 de agosto no teléfono 659 670 595 ou a través do correo electrónico turoniansvalminhor@gmail.com.