Novo revés pero boas sensacións para Alberto Meira no Sur do Condado

Con ánimos renovados o equipo AMF Motorsport acudía á cita de casa, o Rallye Sur do Condado, coa esperanza de facelo ben diante dos seus e tratar de pelexar pola vitoria.

A proba comezou bastante ben, con Alberto Meira e José Murado marcando o segundo mellor crono, pero aínda mellores sensacións deixaba a seguinte especial, onde quedaban a só un segundo de facer o scratch, polo que a xornada tiña moi boa pinta.

Pero nada máis lonxe da realidade, na terceira cronometrada, onde o piloto de Vincios viña a ritmo de marcar o mellor crono nos parciais, unha rótula de dirección rompía nos últimos compases, deixándolle sen posibilidade de continuar.

O de Gondomar mostrábase apenado tras perder unha boa oportunidade de realizar unha gran actuación: “Foi unha mágoa dicir adeus a este rallye que tan ben pintaba para nós, onde tiñamos un gran ritmo para mesmo estar preto da vitoria, pero ás veces a mecánica é caprichosa e neste caso unha rótula rompeuse deixándonos sen dirección case chegando a meta do tramo de Mos. Unha pena polos nosos patrocinadores, que a gran maioría son desta zona, non poderlles brindar un bo resultado”.

O equipo AMF Motorsport terá un novo desafío en pouco máis de catro semanas co Rally do Lacón, outra das probas míticas que está de regreso ao calendario galego.