
O Club Baloncesto Nigrán proclamouse subcampión de liga en categoría alevín despois dunha exitosa tempada na que o conxunto nigranés foi gañador en 10 das 11 xornadas disputadas. Trátase doutro gran éxito deportivo para o CB Nigrán desde que a actual directiva retomase a actividade deportiva do club fai agora catro anos.
O club contaba nesta tempada con dous equipos mixtos en categoría alevín, o CB Nigrán e o CB Nigrán Vermello, que se fixo co título de subcampión, un equipo formado por un total de 10 xogadores que proveñen das escolas deportivas que o CB Nigrán ten nos diferentes colexios do municipio. Neste equipo en concreto, maioritariamente do colexio Humberto Juanes. Trátase de xogadores e xogadoras que, despois de recibir unha formación inicial dentro das actividades que o club leva a cabo no propio centro educativo, decidiron federarse e empezar así a competir na liga correspondente.
O presidente do club, Enrique Villar, felicitou onte ao equipo “pola fantástica tempada realizada destacando a grandísima progresión que tiveron partido a partido, así como a boa conexión entre todos e a xenerosidade cos compañeiros sobre o campo”. Pola súa banda, a directora deportiva do CB Nigrán asegura que «o excelente traballo esta tempada por todos os equipos de minibasket reforza a canteira do club, asegurándolles un longo percorrido e aprendizaxe no seu paso polas diferentes categorías e sendo reflexo de constancia para as Escolas Deportivas que o club ten nos colexios da localidade».