Vive Nigrán arranca este xoves con 9 concertos e actividades paralelas para todos os públicos

VIVE NIGRÁN regresa ao recinto no que naceu en 2017, o Campo de fútbol de Monte Lourido en Praia América, unha contorna privilexiada e cunha programación para todas as idades. Este martes presentouse en Nigrán a quinta edición do festival que chega con SIDECARS, GINEBRAS, NATALIA LACUNZA, LOCOPLAYA, VERTO E WALLS no cartel, e complétase coa Sesión Vibra Mahou o sábado 17 con SHINOVA e MOUNQUP en horario matinal e tamén actividades paralelas como roteiros en kaiak, bautismo de surf e un roteiro guiado. Os abonos e as entradas para o sábado están esgotadas e seguen dispoñibles para os concertos de xoves, venres e a Sesión Vibra Mahou matinal do sábado.

Juan Rivas, director do festival sinalou que ‘’a aposta comedida por continuar cun aforo reducido, distancia de seguridade e nun formato de concerto con cadeiras fixo que afrontemos o festival coas máximas garantías para que o público que asista ao espectáculo poida gozar da música e dun lecer seguro este verán en Vive Nigrán”.

Pola súa banda Hugo Pérez, Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia destacou a aposta da marca por este festival desde os seus inicios. “Mahou apostou por Vive Nigrán desde os seus inicios e mantivo o seu compromiso co festival mesmo nos momentos máis duros da pandemia, cando peor o estaba pasando o sector do lecer e a cultura. Desta forma cumprimos co noso propósito como marca, que é seguir achegando ás persoas a través da música e xerar encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor”, sinalou Hugo Pérez. Con ese propósito a plataforma musical de Mahou Cinco EstrellaS, Vibra Mahou, impulsou a Sesión Vibra Mahou en Vive Nigrán, que se celebrará o sábado 17 de xullo en horario matinal e traerá á banda vasca Shinova e á artista franco-galega Mounqup. Esta última actuación está vinculada á colaboración establecida entre a cervexeira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

Ana Laura Iglesias, deputada provincial, reivindicou na súa intervención os festivais e encontros musicais como eventos seguros onde se respectan as distancias e os aforos resaltando a colaboración da Deputación de Pontevedra a través do circuíto “festivais Rías Baixas” no que está incluído Vive Nigrán, para recuperar os distintos festivais da provincia.

Na presentación tamén interveu Jacobo Sutil, director de AGADIC, quen agradeceu o esforzo das industrias culturais por organizar eventos seguros e lembrou que “Vive Nigrán está incluído na marca FEST GALICIA e por tanto iso implica que mantén unha aposta pola sustentabilidade e a igualdade”, sendo un exemplo para o resto da sociedade.

O alcalde de Nigrán Juan González resaltou a importancia do regreso do festival ao seu emprazamento orixinal, o campo de fútbol de Monte Lourido, “na que será unha cita para todos os públicos nunha contorna privilexiada e que fará de Nigrán un nome de referencia para a música este verán, conseguindo que quen nos visite se namoren dun lugar como este”. A presentación contou tamén coa actuación musical de Mariana Arjun, alumna da Escola de música Gain Over de Nigrán, acompañada de Pablo Prego.

TRES DÍAS DE MÚSICA E ACTIVIDADES PARALELAS

WALLS será o encargado de arrancar a sesión do xoves do festival, desde as 20:00 horas no escenario Xacobeo, unha noite que promete ser unha festa de ritmos urbanos e frescos. O dúo compostelán VERTO, un dos fenómenos musicais do momento, subirase ao escenario Xacobeo de Monte Lourido a partir das 21:30 horas para presentar o seu último traballo “Embora”. E desde as 22:50 horas no escenario Vibra Mahou, o trío LOCOPLAYA, bautizados como o dream team da música urbana, pecharán a xornada do xoves coa súa peculiar festa canaria.

O venres 16 NATALIA LACUNZA comparte noite con GINEBRAS, na xornada máis indie desta edición. Natalia Lacunza arrancará o seu concerto no escenario Xacobeo ás 20:30 horas. GINEBRAS pecharán a noite indie de VIVE NIGRÁN desde as 22:30 horas no escenario Vibra Mahou co que promete ser un dos directos máis enérxicos desta edición.

SESIÓN VIBRA MAHOU MATINAL

O festival complétase coa Sesión Vibra Mahou, que inclúe os concertos de Shinova e Mounqup o sábado 17 de xullo en horario matinal a partir das 12:00 horas. Os vascos SHINOVA chegan a Vive Nigrán da man de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, patrocinador de Vive Nigrán na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor. Na Sesión Vibra Mahou participará tamén a artista franco-galega MOUNQUP. O concerto de Mounqup comezará ás 12:30 horas e o de Shinova ás 13:30 horas.

Os madrileños SIDECARS pecharán o festival o sábado 17 de xullo coas entradas xa esgotadas. O concerto comezará ás 22:30 horas no escenario Xacobeo aínda que as portas do recinto abriranse desde as 21:00 horas.

ÚLTIMAS ENTRADAS DISPOÑIBLES

Seguen dispoñibles as últimas entradas para o xoves 15, venres 16 a un prezo de 25€ + gastos a través da web http://www.vivenigran.com e de Ataquilla, e tamén para a Sesión Vibra Mahou do sábado 17 en horario matinal. O festival adáptase nesta edición a un formato especial con aforos limitados e público sentado e conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia. Ademais, conta co patrocinio de Vibra Mahou (a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas), Radio 3, Gadis e Aqualia.

ACTIVIDADES PARALELAS

VIVE NIGRÁN é moito máis que música e por iso nesta edición volven as actividades complementarias cun programa que inclúe un roteiro guiado por Monteferro o mércores 14. Para esta actividade, organizada en colaboración co Concello de Nigrán, aínda hai prazas dispoñibles, a través do correo electrónico comunicacion@vivenigran.com achegando a súa entrada para esta edición de VIVE NIGRÁN e para seguidores de @vivenigran en Instagram. Tamén está programado un concerto da Escola de Rock Gain Over de Nigrán, na Igrexa románica de Santiago de Parada o venres 16, no escenario Turismo Rías Baixas, desde a unha da tarde, dentro das actividades VIVE PATRIMONIO, en colaboración co Concello de Nigrán. Neste concerto gratuíto ata completar aforo participarán alumnos e profesores da Escola de Rock Gain Over de Nigrán.

O sábado 17 o mar é o protagonista. Dentro de VIVE ACTIVO están programados un roteiro de kaiak e pádel surf para a que xa están as prazas esgotadas e un bautismo de surf, organizado en colaboración con La Conservera del Surf, na praia de Patos. Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles a un prezo de 5€ por adulto/neno (Idade mínima 5 anos). A inscrición realízase a través de comunicacion@vivenigran.com para quen dispoña de entradas para o festival e sexan seguidoras de @vivenigran en Instagram. Estas actividades complementarias do festival realízanse coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Rías Baixas Fest.