Baredo, Baíña e Santa Cristina da Ramallosa pásanse á tecnoloxía LED

Baiona continúa coa renovación da iluminación pública do municipio, un proxecto impulsado desde a Concellería de Iluminación Pública do Concello, que como explica o concelleiro Óscar Martínez, “está a supoñer a renovación da luminaria eléctrica da iluminación pública do municipio cun cambio a tecnoloxía LED, co obxecto de mellorar a súa eficiencia enerxética e conseguir un maior aforro nas facturas eléctricas”.

Nesta ocasión, as melloras están a levarse a cabo en diferentes tramos das parroquias de Baredo, Baíña e Santa Cristina da Ramallosa. Os traballos están a consistir na substitución das luminarias coa subministración e montaxe de lámpadas LED, mantendo a columna ou brazo existente, así como as melloras nas instalacións eléctricas cando sexan necesarias.

Un proxecto cun importe de 49.130,13 euros, que está subvencionado polo Programa Operativo FEDER da Unión Europea cuxo lema é “unha maneira de facer Europa”, a Deputación de Pontevedra e o propio Concello de Baiona, e que ten en conta a protección do medio ambiente coa diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro mediante un uso eficiente e racional da enerxía.

Outra vantaxe da luminaria LED é que este tipo de lámpadas ten unha vida útil maior, aproximadamente 50.000 horas, reduce a pegada de carbono nun 50% e a nova luminaria é 100% reciclable. A renovación da iluminación tamén vai redundar na calidade da iluminación pública do municipio, aumentando os niveis de iluminación, mellorando a uniformidade media de servizo e a calidade cromática da luz.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destaca que “o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía LED. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente. Esta actuación busca unha mellora para os usuarios e usuarias diarios destas zonas e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade de máis dun 80% e reducir o gasto da luz que soporta mensualmente”.