As tradicionais “poxas” de San Antonio pechan as festas patronais de Gondomar

As festas patronais de Gondomar culminaron este luns coa xornada dedicada a San Antonio. Preto das 19:00 horas comezaron as tradicionais “poxas”, reunindo a uns 200 veciños no atrio da Igrexa de San Bieito. Carlos Riveiro, coñecido como Carlos de Gondomar, foi o encargado das poxas, tal e como o leva facendo desde hai máis dunha década. Durante uns 45 minutos, ofrecéronse menos produtos dos habituais, doados directamente polos veciños da Vila Condal, na que é unha actividade moi arraigada, que leva máis de medio século celebrándose ininterrompidamente.

Os asistentes puidéronse levar para casa plantas por entre 7 e 15 euros, caixas con froitas por entre 3 e 8 euros, un lote de produtos non perecedoiros por entre 5 e 8 euros, unha ristra de allos por 30 euros, unha botella de licor café por 13 euros, unha caixa con leituga, tomates, cebolas, cabaciñas, repolo e patacas por 12 euros, un bote de mel por 13 euros, ou unha caixa de patacas e cebolas e outra con xudías e cabaciñas, por 13 e 5 euros respectivamente.

Destacou un escudo do Gondomar Club de Fútbol en cristal, adxudicado por 30 euros, unha oca, vendida por 23 euros, unha folla de bacallau de 2,750 quilos, adquirida por 50 euros, e unha imaxe da Virxe do Pilar bendicida na Basílica do Pilar de Zaragoza, doada por un maño que todos os anos visita Gondomar, que alcanzou os 110 euros. En total, recadáronse preto de 500 euros que serán destinados para o pan dos pobres de San Antonio.