O BNG esixe a dimisión de Rodal tras a sentenza que obriga a readmitir a Ángeles Silva

O equipo de goberno de Baiona co seu Alcalde á cabeza amosa novamente segundo o BNG-AA, despois da sentenza dos casos dos becarios, estar incapacitados para xestionar o Concello de Baiona. Os nacionalistas consideran un fraude facer uso do dereito de contratación de persoal de confianza cando queda demostrado que non se fai uso correctamente.

A sentenza dá por probado que Ángeles Silva, nomeada como persoal de confianza polo Alcalde, exercía tarefas propias dunha traballadora administrativa do concello e non tarefas de persoal de confianza, “corrompendo o servizo polo que se orixina este posto, que é o de asistencia á Alcaldía en cuestións estritamente políticas e administrativas que non poda atender a Alcaldía de primeira man”. Xa que logo, para o BNG-AA o Alcalde non viña precisando deste persoal de confianza e o estaba a empregar para asimilar a unha militante do Partido Popular e ex concelleira como persoal laboral do Concello de Baiona e sen pasar por ningún proceso de selección previa máis que o dedismo do Partido Popular.

“A consecuencia desta nova nefasta xestión do Partido Popular de Baiona é un custe de 9.000 € para as veciñas e veciños e a creación dun posto de traballo que, segundo os criterios do propio equipo de goberno do Concello non era preciso, feito que vén constatado pola súa ausencia no proxecto de RPT que presentara o Goberno Municipal”, engaden os nacionalistas.

Xa que logo, o BNG-AA esixe a dimisión inmediata do Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, debido a que a súa incompetencia ten provocado un gasto innecesario ás arcas municipais e a obriga de crearse unha praza laboral sen os criterios mínimos de transparencia. Non cabe dúbida ademais que no conxunto da sociedade baionesa está a instaurarse unha dúbida razoable de que todo este proceso non obedece máis que a unha estratexia de colocación a dedo sen ningún tipo de transparencia.

O BNG-AA tamén se reserva a opción de poñer en coñecemento das autoridades xudiciais que tivesen competencias para o estudo dun posible comportamento fraudulento no exercicio dos cargos públicos.