O PP afirma recibir “un aluvión de queixas veciñais ante o abandono que sofre Baiona”

Ao PP de Baiona están a acudir numerosos veciños nas últimas semanas mostrando as súas queixas polo estado de abandono que presenta o municipio en plena tempada estival. “Mostran o seu enfado e a vergoña que lles xera o atopar neste mal estado o municipio en pleno do mes de xullo, entre outros motivos porque o goberno local aínda non levase a cabo as tarefas de roza e limpeza das contornas naturais e das marxes dos ríos e paseos que anualmente se realizan en torno ao mes de maio”.

“Aínda que esta falta de previsión e compromiso non é nova e leva dando durante os dous anos de goberno do tripartito PSdeG, Bng e Nós, chama a atención dos veciños e residentes que volven á súa segunda vivenda o nivel de desatención e de inacción que alcanzou o equipo de goberno con Baiona, a pesar de que Baiona sempre foi un municipio de excelencia turística, entre outros distintivos que non respectaron en ningún momento desde que tomaron posesión dos seus cargos en 2019, e estano esnaquizando coa súa incapacidade, irresponsabilidade e falta de xestión. Este tripartito está a preocuparse máis pola Baiona de 2040 que pola actual”, lamentan desde o grupo popular.

Para o PP, mostra deste deixamento continuo do tripartito é a contorna do paseo de Monte Boi, “desatendido completamente”. Pero tamén o paseo fluvial de Baíña, “polo que resulta moi difícil camiñar pola gran cantidade de maleza e matogueiras que o invaden”. “Por non falar da sucidade, a deterioración dos parques infantís e cunetas cheas de broza en todas as parroquias. Esta situación repítese en moitos dos recunchos naturais de Baiona, a maioría deles tesouros ambientais catalogados polos principais organismos galegos, nacionais e internacionais e que, con todo, desde o goberno local desprezan ao non prestarlle ningunha atención nin sequera en pleno verán”.