Nigrán continúa co programa “A igualdade non é un conto” coa obra de monicreques “Unha armadura con ferruxe”

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), continúa este mércores 19 de agosto ás 20:30 na Praza do Concello (ou no Auditorio Municipal en caso de choiva) co programa “A igualdade non é un conto”, dirixido á infancia e que nesta ocasión correrá a cargo dos monicreques de “Garabato de Xogos” coa obra “Unha armadura con ferruxe”.

Un cabaleiro quedou preso na súa armadura, agora a súa familia non sabe cal é o seu verdadeiro aspecto, a súa esposa máis o seu fillo loitan desesperadamente por liberalo… Unha función dinámica e amena para crianzas a partir de 3 anos cunha mensaxe moi importante sobre a igualdade de xénero.

O programa, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero, pretende rachar cos prexuízos e estereotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas.