Alberto Meira, a recuperar sensacións no Rallye Sur do Condado

Tras un amargo Rallye de Pontevedra, onde só se puido completar un puñado de quilómetros, chega a cita de casa para o equipo AMF Motorsport, posiblemente o mellor escenario para que Alberto Meira, José Murado e o Citroën DS3 R5 regresen ao máximo nivel para pelexar polo triunfo e así recortar distancias no Campionato Galego de Rallyes, Supercampionato Galego R5 e Copa Top Ten Pirelli.

O Rallye Sur do Condado é unha proba que se lle deu tradicionalmente moi ben a Alberto Meira, non en balde gañou 6 edicións das 16 que se disputaron, e 4 delas de maneira consecutiva. Así que as expectativas son altas ante unha proba que estará marcada pola calor e a resistencia das monturas ao longo dunha esixente xornada de sábado, que contará con 115 quilómetros contra o crono divididos en 12 especiais.

O piloto gondomarense móstrase confiado antes da proba de casa: “Chegamos a este Rallye Sur do Condado con ganas de sacarnos a espiña do abandono de Pontevedra fai tres semanas, así que sairemos ao ataque para tratar de estar na pelexa polo triunfo pero sen arriscarnos a outro cero que dificultaría bastante as nosas opcións nos diversos certames e copas. Sen dúbida vai ser un día longo, comezando ás 7 da mañá e terminando case a medianoite, onde a calor será esixente para as rodas, así que moitas cousas poden pasar e oxalá que podamos loitar polos nosos obxectivos dando o 100% e aproveitando ao máximo as prestacións dos pneumáticos Pirelli”.

Así encara o equipo AMF Motorsport unha cita á que mostraron o seu apoio incondicional, sendo un ano máis patrocinadores do Rallye Sur do Condado.