Fin de curso nos obradoiros que AFAGA imparte en Baiona

O Multiusos Ángel Bedriñana acolleu o acto de fin de curso do programa de Estimulación Terapeútica e do obradoiro de “Cultiva a túa Mente” organizados pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Baiona en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia).

O Alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Servizos Sociais, Concepción Vara, foron os encargados de facer entrega dos diplomas aos usuarios e usuarias de ambas as dúas actividades. Ambos quixeron coñecer de primeira man como transcorreran os programas este ano marcado polo COVID-19 e tamén se achegaron ás instalacións municipais para desexarlles un feliz verán. Foi unha tarde moi amena, chea de momentos entrañables.

O presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, dirixiu unhas palabras de agradecemento tanto aos usuarios e usuarias, como ao propio rexedor, agradecendo a alta participación nos mesmos e resaltando a especial sensibilidade deste Concello desde o primeiro momento en que tiveron contacto. Así mesmo, resaltou que a dignidade unha vez máis, é o piar que impulsa que estes programas avancen e constitúan un eixo primordial no día a día de todos os veciños e veciñas do municipio.

Un total de 25 usuarios beneficiáronse de ambos os dous programas que se desenvolverán ata finalizar o mes de xullo. O mes de agosto será de vacacións e en setembro poñerase en marcha un novo curso de ambos os dous programas xa que tiveron moita acollida entre a cidadanía da localidade.

O Programa de Estimulación Terapéutica para persoas con necesidades específicas do que se están beneficiando veciños e veciñas do municipio diríxese a persoas co obxectivo de desenvolver a estimulación cognitiva e funcional, ao mesmo tempo que se proporciona apoio aos familiares coidadores.

Os obradoiros teñen lugar os luns e venres nas instalacións do Edificio Multiusos Ángel Bedriñana, Rúa Carabela Pinta número 9, en horario de mañá de 10:30 a 13:00 horas.

O Alcalde do Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca “o compromiso do Concello en proporcionar recursos á nosa poboación e dar continuidade aos programas, sendo unha resposta dos dereitos que a cidadanía demanda”.

OBRADOIRO “CULTIVA A MENTE”

O Departamento de Servizos Sociais deu continuidade a este programa iniciado no ano 2019, cunha acollida elevada e que continuou consolidándose no 2020. Este ano “Cultiva a Mente”, prolongouse afianzando a súa continuidade.

Impártese todos os luns e martes de 17:00 a 19:00 horas no Multiusos Ángel Bedriñana, e está dirixido a maiores de 55 anos interesados no desenvolvemento activo e participativo, promovendo hábitos de vida saudables, mantendo un rol que facilita unhas mellores relacións sociais, a prevención da soidade, así como a independencia e a autonomía persoal.

“Desde o Concello de Baiona queremos trasladar todo o noso agradecemento a AFAGA e o seu persoal por este gran traballo levado a cabo cos nosos veciños e veciñas”, finaliza o rexedor.