Baiona ofrece visitas guiadas gratuítas seguras para reactivar o sector turístico

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona aposta esta nova tempada estival por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas coas que reactivar o sector turístico tras o Covid-19.

Entre elas se encontra “Xoves no Camiño”, un programa posto en marcha para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa polo municipio. O primeiro roteiro será o próximo 15 de xullo e repetirase o xoves día 29. En agosto tamén haberá programados outros dous roteiros, o 12 e o 26.

A visita, que arrancará ás 10:00 horas desde a Oficina de Turismo, percorrerá a Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, Conde e O Burgo, a Praza Victoria Cadaval de Sabarís, finalizando o traxecto na Igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. A duración aproximada é de 2 horas e 30 minutos cunha distancia de 3,5 quilómetros e dificultade baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar.

Visitas guiadas polo Casco Vello

Ademais dos “Xoves no Camiño”, Baiona conta durante o verán coas visitas habituais polo casco histórico. Celebraranse a partir do 17 de xullo e ata o 31 de agosto os martes e sábados, ás 11:00 horas, desde a Oficina de Turismo. Os participantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural da Vila acompañados por unha guía oficial.

As visitas tamén son gratuítas. Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade, entre os que se atopan o monumento Encontro Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira e o Casco Histórico.

As visitas se levarán a cabo seguindo as medidas de prevención necesarias e cumprindo coa normativa vixente. O número de asistentes será reducido (20 persoas) polo que é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (no correo electrónico oficinadeturismo@baiona.gal, ou por teléfono no 986 68 70 67).

O punto de encontro para as visitas, tras a confirmación de praza, será o Palco de Música do Parque da Palma.

As persoas interesadas deberán acudir obrigatoriamente con máscara, manter a distancia de seguridade con outras persoas e acollerse en todo momento ás indicacións da guía.

As visitas serán guiadas por unha Guía Oficial habilitada pola Xunta de Galicia, como vén sendo habitual, e formada en materia de prevención de riscos laborais ante a Covid-19.