Bodegas La Val pon á venda a súa vendima solidaria para recadar fondos para a Fundación Menela

Onte, 30 de xuño de 2020, Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, puxo á venda o Albariño “La Val Solidario 2020”, unha Edición Limitada de 200 botellas. A pesar de que na pasada vendima non se puidese celebrar a que sería a súa IV Vendima Solidaria, debido ás restricións impostas pola Covid-19, desde a Adega cren importante seguir coa traxectoria social deste proxecto que naceu fai xa catro anos.

Nesta ocasión, a entidade coa que colaborou Bodegas La Val é a Fundación Menela (Rede de Servizos para o Autismo e a Dependencia). Pola mañá acudiron á adega para a presentación do albariño La Val Solidario 2020 os 5 alumnos encargados de elaborar a etiqueta acompañados por tres profesoras do centro e Cipriano Luis Jiménez, director xeral da Fundación e Jose Manuel Varela, xerente da mesma.

Esta iniciativa de carácter social ten por obxectivo colaborar cunha asociación a través dun donativo económico. A idea é facer partícipe a un colectivo na creación do viño solidario, desde a vendima ata que sae á venda o mesmo, e que sexan eles os que deseñen a etiqueta, da que será unha edición limitada co seu nome. As etiquetas foron doadas por Coreti Etiquetas e así o fixeron desde a primeira edición.

O importe íntegro da venda de “La Val Solidario 2020” será destinado ao “Club Deportivo Menela” que pertence á Fundación Menela.

A colaboración permitirá dotar de equipamento ao Club Deportivo Menela, cuxo proxecto deportivo conta coas seccións de atletismo, natación e xadrez, a través das cales, os mozos e mozas de Menela participan en diferentes competicións federadas.

A práctica física e deportiva é unha dimensión crave na calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro Autista pola relevancia que ten en aspectos craves como o benestar físico, a saúde, a inclusión e a participación en actividades cotiás. Por este motivo, Fundación Menela agradece a confianza de Bodegas La Val neste proxecto creativo.

Fernando Bandeira, xerente de Bodegas La Val, sinala: “Para nós sempre é un orgullo poder colaborar en proxectos como este. Fundacións como Menela son moi necesarias pois contribúen á mellora da calidade de vida e do futuro das persoas”.

Cun prezo de 8 euros, as botellas de “La Val Solidario 2020”, pódense comprar xa na tenda en liña (https://bodegaslaval.com/tienda/), na tenda física de Bodegas La Val (Salvaterra de Miño) ou na sede da Fundación Menela en Vigo (R/ Marqués de Alcedo ,19 Vigo).

Este é o cuarto ano que Bodegas La Val aposta por crear un “Viño Solidario”, un proxecto persoal co que a adega quere mostrar o seu compromiso, non só cunha maneira especial de traballar a terra, senón tamén coa sociedade. Esta acción naceu en 2017, onde a recadación da I Vendima Solidaria doouse a ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia); a II foi en favor de ASPANAEX (Asociación en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra) e a III da Asociación Alento. Para o próximo setembro, se a situación actual permíteo, Bodegas La Val xa baralla varias Asociacións coas que colaborar na que sería a súa V Vendima Solidaria.

FUNDACIÓN MENELA

Fundación Menela, entidade de iniciativa social clasificada como benéfico – asistencial e de interese galego, é titular dunha Rede de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que traballa coa misión de “contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e defender a súa dignidade como cidadáns, dando resposta a necesidades específicas ao longo de todo ou o seu ciclo vital”.

Tras a súa constitución en 1989 asume a titularidade, en 1998, do Centro de Educación Especial Menela, referente no campo da atención especializada a nenos e nenas con TEA en Galicia. En 1993 inaugúrase, en Nigrán, o Centro de Día e Residencial Castro Navás para persoas adultas, impulsando o valor do traballo como ferramenta de inclusión social. O Edificio CAMI ponse en marcha en 2004 co Servizo de Diagnóstico e o Servizo de Atención Temperá e Apoio Integral, o Servizo de Apoio Familiar e o Centro de Formación que, desde o ano 1999, realiza actividades formativas ocupacionais e de especialización profesional.

Dentro da Rede de Centros e Servizos inclúese a empresa Castro Navás S.L., que nace en 1998 coa finalidade de favorecer a inclusión socio laboral de persoas con TEA e, en 2006, a Fundación Tutelar “Camiño do Miño” que desenvolve accións de asesoramento ás familias, orientación, tutela e administración do patrimonio da persoa tutelada.