Feijóo reúnese co alcalde de Gondomar para abordar asuntos de interese para o concello

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde e Gondomar, Juan Francisco Ferreira González, asuntos de interese para o concello, así como o estado da colaboración coa Xunta en distintos proxectos.

En concreto, na reunión trataron o asunto da reordenación do parque empresarial da Pasaxe, para o que a Xunta aprobou no seu momento un proxecto sectorial co fin de regularizar a súa situación. Ademais, a Administración autonómica tamén se encargou da redacción do proxecto de urbanización da primeira fase, que xa está realizado.

Neste ámbito de cooperación, tamén destaca o centro de saúde, que se rematou en 2019 grazas a un investimento de 1,9 millóns de euros.

Ademais, o Goberno galego tamén traballa noutros asuntos que benefician ao concello, como as bonificacións previstas para familias numerosas para setembro de 2021 nas peaxes na AG-57.

En materia de augas, o presidente da Xunta avanzou que a Xunta executará a mellora da drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, nunha actuación cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. E salientou que Augas de Galicia xa está a redactar o proxecto para a ampliación da EDAR de Gondomar.