Nigrán homenaxea a Francisco Fernández del Riego cunha exposición na biblioteca municipal

O Concello de Nigrán inaugura este xoves 11 de maio ás 11:00 horas na Biblioteca Municipal a exposición “Francisco Fernández del Riego: unha idea de Galicia e da liberdade”. A mostra, elaborada xunto á Fundación Penzol e a Editorial Galaxia, supón o punto de partida aos actos do Concello de Nigrán en homenaxe a quen foi un dos seus veciños máis ilustres e protagonista este ano do Días das Letras Galegas. No acto intervirá Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol; Carlos Méixome, fundador do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e promotor de Del Riego como fillo predilecto de Nigrán; e Juan González, alcalde de Nigrán e tamén fundador do IEM.

Francisco Fernández del Riego (1913-2010) está enterrado no Cemiterio de San Pedro da Ramallosa (Nigrán) e elixiu o municipio como lugar da súa segunda residencia, sendo nomeado fillo predilecto de Nigrán no ano 2002 e sendo un dos sus grandes benefactores culturais ao doar 1.000 exemplares da súa biblioteca da casa de Lourido ao Concello, libros que forman parte do fondo bibliográfico do municipio.