Dúas alumnas do CPI Cova Terreña gañadoras do IV e V Concurso literario sobre a protección de datos

O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu o acto de entrega dos premios ás alumnas gañadoras do CPI de Cova Terreña do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura e Educación.

Cunha especie de manual no que explica pormenorizadamente todo o que hai que saber sobre a materia, a baionesa Ivonne Ferreira Silva, alumna de 4º de ESO do colexio Cova Terreña o pasado curso 2019-2020, foi a gañadora do IV Concurso.

Inés Rey Torres, de 4º da ESO do curso 2020-2021 recentemente finalizado, resultou gañadora por unanimidade da V edición do concurso grazas ao traballo “Trincheiras Enredadas”, no que relata dúas historias para exemplificar como a falta de anonimato e protección de datos podería afectar ás persoas durante os anos da Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa.

“A privacidade das persoas na Rede mantenas seguras. Non debemos permitir que o desexo de información, likes e followers, desemboque na falta de empatía e respecto pola integridade, a intimidade, a dor e o sufrimento das persoas. A favor da privacidade na rede, guerra sen cuartel”, indica Inés Rey no seu escrito gañador.

As dúas gañadoras recibiron unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Tamén o CPI de Cova Terreña de Baiona recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou, un total de oito propostas.

Ao CPEIG gustaríalle estar presente no acto de entrega dos galardóns, pero a situación actual aínda aconsella ser precavido, polo que enviaron unha carta de felicitación e recoñecemento ao gran traballo das alumnas e do centro baionés.

A directora do CPI Cova Terreña, Isabel Martínez Cabaleiro, foi a encargada de dar lectura da misiva na que se recollían os eloxios ao traballo realizado. No acto tamén participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e o concelleiro de Educación, Óscar Carreño, e como único público asistente, dadas as circunstancias derivadas da crise sanitaria do COVID-19, os orgullosos proxenitores das premiadas.

Durante a súa intervención o rexedor agradeceu “ás alumnas, equipo directivo do centro e ao profesorado pola súa participación e implicación ano tras ano traballando activamente en proxectos de formación e na promoción duns bos hábitos de uso das novas tecnoloxías para formar e educar ao alumnado, concienciar e implicarse cunha actitude responsable”, á vez que deu o parabén “aos pais e nais polo gran traballo levado a cabo polas súas fillas”.

O rexedor puxo en valor a participación do centro sinalando que este recoñecemento vén poñer de manifesto que no CPI Cova Terreña “ofrécese un selo de calidade como referente en bos hábitos en canto ao uso das novas tecnoloxías, e reflectindo o seu compromiso para ofrecer o mellor á comunidade escolar”. Uns bos hábitos e unha concienciación do uso adecuado das novas tecnoloxías que tamén deben estar presentes non só nas persoas mozas senón no conxunto da sociedade en xeral.

Este concurso ten por obxecto “que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.