Primeira vitoria da tempada para Prado Competición

Prado Competición conseguiu esta fin de semana no Rally de Pontevedra a súa primeira vitoria da tempada, nunha proba na que os accidentes e saídas foron os protagonistas. Gañaron na agrupación 5 (vehículos de 1000cc) co seu Seat Arosa.

Jose Prado e Patricia R. Centeno comezaron a xornada do venres co tramo espectáculo, “momento primordial para nós pois foi a primeira toma de contacto co novo coche, momento de adaptación que a verdade nos sorprendeu, sentimos que o coche agarraba moi ben e daba o 100% de si, falamos dun coche de 1.000cc”.

A xornada do venres acabaron segundos da agrupación, “onde xa iamos vendo que se nos axexaba para a xornada do sábado, tiñamos un rival que nos ía a dar guerra”.

O comezo da xornada do sábado foi con moita incerteza, pois amencía todo mollado, e non se decidía a chover nin a aclarar, así que as dúbidas de con que rodas saír podería ser primordial. “Ao final tras varios debates eliximos montar choiva extrema e brandas, elección que nos foi moi acertada para toda a xornada”.

A primeira sección foi moi accidentada con dous dos tres tramos neutralizados por varios accidentes, polo que só puideron facer o de Pontecaldelas, “un tramo que nos gustou moito e déullenos bastante ben, comezando aí xa a loita pois alcanzabamos o segundo posto da agrupación”.

Xa a segunda sección foi todo perfecto, non se lle podía pedir máis ao coche. “Foi moi fiable, respondeu aos varios sustos que sufrimos e acabamos a 6 segundos do primeiro, cousa que nos deu máis forzas e ansia para seguir loitando e ir a por todas na última sección”.

Na terceira e última sección comezaron moi fortes, xa mellorando o tempo do primeiro tramo en 15 segundos, “cousa que cremos que foi clave para gañar a agrupación, o noso rival directo xa o tivo máis difícil e aí comezou a batalla entre ambos, batalla na que gañaría o que sobrevivise sen cometer ningún fallo”. No segundo tramo seguiron mellorando o seu tempo respecto a as pasadas anteriores e fixeron, xunto ao seu rival directo, o tempo cravado, “a diferenza de tan só tres décimas o segundo de nós, superámoslle por segunda vez, momento que nos fixo xa que tivésemos que saír a por todas no terceiro e último tramo”.
O terceiro tramo foi máis complicado, mollado e moito máis roto que as pasadas anteriores, “coa cabeza un pouco desconcertada xa que estabamos a pensar en que un fallo faríanos perder a agrupación, case cometemos algún erro, pero a audacia de Jose Prado Fernández nunca falla e a pesar dos sustos fixemos 14 segundos mellor que a pasada anterior, resultado que finalmente nos fixo alzar o premio tan ansiado, campións da agrupación 5, que é o noso obxectivo final para esta tempada”.

“O resumo, contentos polo resultado, contentos pola resposta e adaptación ao coche, e encantados co resultado final. Para ser o primeiro rally como copiloto, para ser o primeiro tamén co coche e logo de case dous anos sen correr, non se lle pode pedir máis á fortuna, rallye terminado con éxito, coche enteiro para casa, e dous trofeos no salón. Agora toca recapacitar, estudar os erros, facerlle un par de modificacións ao coche e volver poñernos o casco no Surco”, conclúe Patricia.