Baiona abre as inscricións do VIII Trail Trans Serra da Groba

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona organiza o VIII Trail Trans Serra da Groba, que se celebrará o domingo 31 de outubro de 2021. Existirán dous tipos de proba: o Trail, de 25 km, e o Trailiño, de 15 km, cun itinerario que percorre os montes da “Serra da Groba”, utilizando pistas forestais, sendeiros tradicionais e tramos de asfalto á saída e á chegada a meta.

Cada participante debe ser plenamente consciente da lonxitude e dificultade da proba, que pode desenvolverse baixo posibles condicións climáticas de frío, choiva e vento, polo cal, debe prever que a súa indumentaria e calzado sexan os adecuados para a práctica de carreiras de montaña.

A proba de Trail está aberta a todos os deportistas con idade mínima de 18 anos (cumpridos o día da proba). No caso da proba Trailiño poderán participar os deportistas que teñan cumpridos 16 anos o día da proba, a condición de que conten coa autorización dos seus pais ou titores.

As inscricións poderanse formalizar a través da páxina web www.championchipnorte.com, a páxina web www.baionacodeporte.gal, fisicamente no Pavillón Municipal de Baiona en horario de apertura das instalacións ou a través do email deportes@baiona.gal, enviando a folla de inscrición e o xustificante de transferencia bancaria.

O prezo da inscrición será de 17 euros para o Trail e de 12 euros para o Trailiño para as inscricións realizadas desde o 15 de xuño ata as 23:59 do domingo 3 de outubro. Para as que se realicen desde as 00:00 do 4 de outubro ata a data de peche de inscricións ás 23:59 do domingo día 24 de outubro será de 23 euros para o Trail e de 17 euros para o Trailiño.

A entrega de dorsais realizarase no Pavillón Municipal de Deportes situado na rúa Dolores Agrelo, s/n, onde estará situada a saída e a meta das probas, desde as 17:00 ata as 21:00 horas do venres 29 de outubro, sábado día 30 de outubro de 10:00 a 13:00 horas e 17:00 a 20:00 horas e o domingo día 31 de Outubro (día da carreira) desde as 8:00 ata as 10:00 da mañá.

O Trail arrancará ás 10:00 da mañá, mentres que o Trailiño farao ás 11:00 horas, ambas as dúas probas con saída desde o Pavillón de Deportes de Baiona.