A Garda Civil detén aos presuntos responsables de varios roubos na peaxe de Vincios

A Garda Civil desactivou en Vigo un grupo criminal organizado, integrado por cinco novos, aos que se lles atribúe a autoría de dez roubos cometidos durante os últimos meses nas cabinas das peaxes da provincia de Pontevedra.

As investigacións realizadas polo Grupo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra iniciáronse o pasado mes de xaneiro no marco da denominada Operación “CAUDASA”, coordinados polo Xulgado de Instrución Nº 7 e a Fiscalía de Vigo.

Identificáronse os responsables dos roubos que se estaban cometendo nas vías automáticas das estacións de peaxe da zona sur da provincia de Pontevedra, utilizando vehículos subtraídos e placas de matrícula dobradas.

A raíz da análise da información solicitada en cada un dos feitos delituosos cometidos desde o inicio da investigación, elaborouse un perfil dos autores e estableceuse unha liña de investigación que permitiu identificar as persoas integrantes deste grupo criminal formado por 5 mozos, en idades comprendidas entre os 30 e 40 anos, todos eles residentes na zona de Vigo e con amplos antecedentes policiais.

A través da investigación, apoiada con vixilancias operativas e numerosas xestións, púidose vincular aos integrantes deste grupo criminal coa comisión destes roubos, así como coa subtracción dos vehículos e placas de matrícula utilizadas para a comisión dos feitos.

Os roubos cometíanos xeralmente en horas nocturnas. Forzaban cunha panca as cabinas das peaxes e subtraían o diñeiro, despois de causar importantes danos materiais, utilizando para iso vehículos subtraídos ou con placas de matrículas dobradas.

As investigacións, que contaron coa eficaz colaboración da Policía Local de Vigo, concluíu coa detención de dous mozos e a investigación doutros tres, aos que lles atribúe a comisión de máis dunha vintena de ilícitos penais, entre eles: 11 roubos nas peaxes de Vincios-Gondomar, O Porriño e Moaña; 5 roubos de vehículos e outros cinco de placas de matrícula en Vigo e un roubo con forza nun taller mecánico en Vigo. Tamén se lles atribúen os delitos contra a seguridade viaria e falsidade documental.

No rexistro dun dos detidos en Vigo incautáronse útiles para a perpetración dos roubos, pezas vinculadas cos feitos investigados, diñeiro, teléfonos móbiles, numerosas placas de matrícula, diversa documentación, ademais de bastidores de vehículos cortados.

A autoridade xudicial decretou o ingreso preventivo en prisión dun dos detidos, como principal dirixente do grupo.