Nigrán presume da súa nova e vangardista biblioteca

Nigrán conta xa cunha espectacular biblioteca que constitúe “un dos grandes exemplos da transformación da provincia” como asegurou hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, durante a visita que realizou ás novas instalacións xunto co alcalde, Juan González, o deputado Santos Héctor, e concelleiras e concelleiros do goberno local. Trátase dun edificio espectacular, vangardista e deseñado con todos os criterios de sustentabilidade, que foi financiado co Plan de Reequilibrio da Deputación que, como sinalou o rexedor, vai permitir xerar “centralidade” e a unión da veciñanza no concello de Nigrán.

A nova biblioteca, na que se investiron 1,8 millóns de euros (o 80% pola Deputación a través do Plan de Reequilibrio e o restante 20% polo Concello) ten 1.260 metros cadrados e confórmase nun edificio vangardista e bioclimático deseñado con criterios de sustentabilidade. Está distribuída en catro plantas: un andar baixo para zona de recepción e diversos servizos, un primeiro andar para a sala de ordenadores e sala de préstamo infantil e xuvenil, un segundo para sala de préstamo de literatura para adultos e, finalmente, un terceiro andar coa sala de estudo e catro salas pequenas. Está coroado por unha terraza con “vistas ao paraíso”, como destacou Carmela Silva.

A presidenta provincial destacou que a nova dotación plasma á perfección o “aspecto do público, que é o que nos iguala, o que permite que todas as persoas poidamos ter acceso a todo o que nos pertence, neste caso o que ten que ver co acceso á cultura”. Neste senso, incidiu en que a cultura, a lectura e os libros “teñen que estar no centro das prioridades das administracións” e esta biblioteca está “chea dos mellores valores da sociedade”. A presidenta encomiou tanto a “extraordinaria” obra arquitectónica, “de gran beleza e cun espazo absolutamente coidado ata o máis mínimo detalle, que vai ter seguro moitos premios”, como o traballo desenvolvido pola construtora. “Nigrán é un dos concellos máis relevantes da provincia –sinalou- e merecía un espazo como este, que amais de facilitar unha nova dotación cultural, vai ser un elemento de atracción e desenvolvemento de moitas actividades, un espazo pluridisciplinar que vai dar moita felicidade”, apuntou.

A presidenta tamén subliñou o feito de que foi unha obra “complexa” que se resolveu grazas “a mostra de moitas vontades traballando para acadar o que hoxe e un exemplo a seguir”. “Isto non é só a biblioteca de Nigrán, senón que é a biblioteca da provincia de Pontevedra –engadiu-. Vai ser a envexa de calquera concello, dos grandes, os do medio e os pequenos, porque é unha auténtica marabilla. Vou presumir moito desta grande obra e de que cos recursos públicos que a Deputación pon a disposición dos concellos, sobre todo dos de menos 20,000 habitantes, sexamos capaces de facer estes equipamentos. E supón un novo reto, porque haberá que seguir facendo cousas para que a xente, viva onde viva teña os mesmos dereitos e servizos. É unha garantía que temos que perseguir”.

Pola súa banda, o alcalde Juan González destacou que esta nova biblioteca vai xerar “esa centralidade que en Nigrán botábamos de menos. Nos faltaba algo que xerara ese espazo de convivencia e unión da veciñanza, e que mellor que facelo cunha biblioteca”. “Para nós era fundamental que co Plan de Reequilibrio tivéramos unha obra tan significativa que falara de educación e cultura e a unión da veciñanza e este edificio o vai xerar”. O alcalde apuntou que a nova dotación “é o resultado da paciencia, cariño e calma”, tal e como rezaba o lema do concello neste ano de pandemia e subliñou especialmente a “paciencia” da institución provincial “para salvar os escollos durante a tramitación, que nos retrasou máis do que quixéramos”, e da empresa construtora, “porque foi capaz de facer en catro meses algo que parecía imposible e puxéronlle moitísimo cariño á obra”. Tamén destacou a calma e o cariño dos arquitectos que deseñaron o proxecto, Juan Pons e Lucas Gándara.

Carmela Silva aproveitou a visita para anunciar tamén que a Deputación está a piques de finalizar o proxecto da senda de Chandebrito, “e unha vez que estea redactado asinaremos o convenio para iniciar as obras”. “Temos un altísimo compromiso co medio ambiente, con garantir a mobilidade segura e lugares como hai en Nigrán que realmente son dunha beleza natural impresionante, temos que facer que a xente poida vivir en espazos mellores e atraer a visitantes que reclaman cada vez máis estas actuacións”. Destacou así mesmo o traballo conxunto e o clima de colaboración co Concello: “Este concello igual que outros da provincia non hai quen o recoñeza, e colaboramos xuntas e xuntos porque temos un proxecto común”.