Gondomar lembra a importancia de recoller o lixo coas mensaxes do alumnado do CEIP Souto Donas

O curso de 3º de Primaria do CEIP Souto Donas completou esta mañá a actividade ambiental que desenvolveron nas últimas semanas en clase, instalando nas papeleiras do Parque da Coelleira carteis lembrando a importancia do seu uso. O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, recibiu aos pequenos e pequenas no concello e agradeceu “o traballo tan importante que facedes para defender o noso medio ambiente e manter limpo Gondomar”. Engadiu que “sodes todo un exemplo para todos nós”.

O alumnado do Souto Donas, acompañado por tres das súas profesoras, repartiron polas papeleiras do Parque da Coelleira os carteis que deseñaran previamente no colexio, adaptados para fixalas nelas. Con axuda dun funcionario municipal, aparafusaron os letreiros coa mensaxe clara que neles quérese trasladar: “Se tiras lixo ao chan, os nenos tristes estarán”.

Un traballo que dende o Concello se preparou para que luza tamén como un cadro no colexio “para que vos acordedes sempre do gran traballo que fixestes en materia de concienciación”, asegurou o alcalde, que estivo acompañado neste encontro pola edil de Educación, Araceli Regueiro, e o responsable de Medio Ambiente, Brais Misa.

Os pequenos e pequenas do Souto Donas terminaron a mañá realizando unha recollida de entullos, papeis ou residuos que se atoparon no traxecto da súa excursión.