
O Xefe Territorial de Educación, César Ares, acompañado por membros da Comunidade de Montes de Vincios, equipo directivo do CEIP e da voceira do Partido Popular de Gondomar, inauguraron no día de onte a remodelación dun aseo no Colexio Público Serra Vincios que vén a sumarse aos tres xa realizados nos dous anos anteriores. Nesta remodelación do aseo feminino do 2º andar do colexio, investiuse un total de 13.603,42 euros, dos cales 12.000 foron sufragados pola Xunta de Galicia e os 1.603,42 euros restantes foron achegados pola Comunidade de Montes de Vincios, tras a solicitude da dirección do centro educativo.
O director do centro educativo, Miguel González, e o Xefe Territorial de Educación, agradeceron á Comunidade de Montes de Vincios, representados no acto por Sila e Antonio, a colaboración prestada grazas á cal foi posible executar a obra, así como á voceira do PP gondomareño, Paula Bouzós, polas xestións realizadas ante o organismo autonómico.
Nesta xuntanza, á que mais tarde incorporouse o alcalde de Gondomar, e ante unha petición previa da voceira popular, César Ares comprometeuse a executar no vindeiro curso a remodelación dos dous baños pendentes, facer un estudo previo para a tan necesitada ampliación do comedor escolar e a execución das obras necesarias para a súa realización. No mesmo senso tamén se comprometeu a estudar a ampliación do comedor do Colexio Público Souto Donas, con varias alternativas que están valorando.
Paula Bouzós quixo agradecer á Comunidade de Montes pola colaboración prestada, a maiores da que xa prestan todos os anos á comunidade educativa a través de subvencións, e ao Xefe Territorial de Educación pola sensibilidade demostrada ante as necesidades dos colexios públicos de Gondomar.