Ivonne Ferreira, do Cova Terreña, gañadora do IV Concurso literario sobre a protección de datos

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional deron a coñecer os gañadores e gañadoras do IV Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO, correspondente ao pasado curso escolar 2019/2020.

No caso da categoría de 1º a 4º ESO a gañadora é Ivonne Ferreira Silva que cursou 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona no curso pasado. Ivonne resultou gañadora grazas ao traballo “Protección de Datos” no que de forma pormenorizada explica que é a protección de datos, a figura do Delegado de Protección de Datos e o uso dos datos de carácter persoal.

Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

Os estudantes poden presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deben responder a preguntas como «Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?».

O alumnado de 4ºESO do CPI de Cova Terreña volveu participar este ano na 5ª convocatoria e agardan o resultado do xurado nos próximos días.