Podemos Val Miñor pide un plan municipal de transición enerxética e a activación de economía verde

Podemos aposta porque os Concellos teñan voz e capacidade de acción na transición ecolóxica, para que esta se adapte ás súas diferentes realidades e ademais supoña unha oportunidade de desenvolvemento económico de maneira distributiva entre a veciñanza, xerando riqueza e fomentando a autonomía enerxética dos municipios. “Se non temos unha actitude activa, non faremos a transición enerxética, faránola, co que iso supón”, advirten.

Para a formación morada é importante deseñar unha estratexia de cooperación co tecido económico e veciñal para lograr unha implicación dos diferentes actores das nosas vilas. “Ademais, os concellos deben ter un papel facilitador, actuando como un elemento de captación das múltiples subvencións que se poñan en marcha das diferentes administracións, actuando de enlace, informando das diferentes opcións e creando incentivos propios, incluíndo nas ordenanzas fiscais criterios que favorezan a transición enerxética”.

Segundo Podemos, trátase, en definitiva, de deseñar unha estratexia de transformación a medio/longo prazo que permita encamiñarnos cara unha transición verde que xere riqueza, polo que debería ser un dos piares do plan de reactivación económica municipal.

Propoñen ao pleno das corporacións os seguintes acordos:

1. As corporacións municipais manifestan o seu compromiso cos obxectivos fixados pola Lei de Cambio Climático e, tal e como sinala o punto 25 da lei, traballarán para que o despregue das renovables no ámbito territorial municipal se realice de maneira compatible co mesmo e reverta na xeración de riqueza e a activación da economía.

2. Instar á Xunta de Galicia a decretar unha moratoria eólica ata a redacción dun novo plan eólico que cumpra coas estipulacións do punto 25 da lei de Cambio Climático incluíndo ademais unha avaliación ambiental estratéxica do mesmo.

3. Instar á Xunta de Galicia a redactar un plan para o desenvolvemento da Rede Natura 2000 e a proceder coa protección das mesmas na maior brevidade posible. Ademais, a Xunta de Galicia dotará cada ZEC (Zona de Especial Conservación) do seu propio plan de xestión para a conservación de maneira individualizada.

4. As corporacións municipais insten aos Concellos a deseñar un plan municipal de transición enerxética e activación de economía verde baseado, como mínimo, nos seguintes puntos:

I. A creación dunha oficina municipal para a transición ecolóxica co fin de asesorar a empresas e particulares dos beneficios da implantación de enerxías renovables para o autoconsumo.

II. A elaboración dun estudo para a implantación de placas fotovoltaicas nos edificios municipais e nos dependentes doutras administracións co fin de traballar sinerxías que permitan o aproveitamento destes espazos para a xeración de enerxía limpa.

III. Transición do parque móbil de vehículos municipais cara o uso de vehículos de emisións cero.

IV. A creación dun programa municipal de rehabilitación de vivenda e renovación urbana enfocado a comunidades de veciños e particulares que teña en conta a vulnerabilidade das familias con menos recursos á hora de establecer os incentivos do mesmo.

V. O fomento de comunidades enerxéticas e outras figuras que dinamicen a participación das comunidades locais e as iniciativas de autoconsumo.

VI. Favorecer a instalación de puntos de recarga eléctricos no termo municipal.

VII. A inclusión de incentivos nas ordenanzas fiscais que premien os esforzos da veciñanza en materia de transición tanto relativas ao parque móbil como na adaptación das vivendas.

VIII. Os Concellos solicitarán ás distintas administracións o financiamento e subvencións pertinentes para o desenvolvemento dos distintos puntos desta estratexia ademais da reserva de fondos propios nos orzamentos anuais para a súa gradual implantación.