A Xunta insta a Energy a reforzar a rede eléctrica en Gondomar

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recibiu a semana pasada á voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, para tratar varios temas que afectan aos veciños do municipio, entre os que se atopan o parque eólico do Galiñeiro, o polígono de A Pasaxe, a mellora da subministración eléctrica e as axudas a empresas e autónomos pola crise do Covid.

O vicepresidente económico da Xunta de Galicia informouna dos trámites realizados polas deficiencias na subministración eléctrica que sufriron os veciños de Gondomar afectados polos apagamentos do pasado Nadal. Neste senso a Consellería instou a Naturgy a executar o reforzo da rede de distribución con catro liñas de media tensión, tres novos centros de transformación e a substitución de outro, mellorar a derivación da liña de media tensión de Valadares 8 dende a liña de media tensión Gondomar 7 e a limpeza e poda de todas as zonas de servidume. No caso de que a compañía non leve a cabo estas actuacións, abriráselle un expediente sancionador. Ademais de todo isto Naturgy terá que aplicar descontos na seguinte factura aos afectados polos mencionados apagamentos, en caso de non telo feito xa.

En canto ao proxecto do parque eólico do Galiñeiro a Xunta confirmou á voceira do PP en Gondomar que non se seguirá coa súa tramitación tras varios informes medio ambientais negativos e a renuncia a seguir co proxecto por parte da empresa Terra do Vento. Fixo fincapé en que non é o mesmo adxudicar que tramitar e que actualmente na zona de Gondomar, Baiona, Oia ou Tomiño non hai ningún expediente en fase de autorización e que os que quedan pendentes están soamente en fase de tramitación, que por lei están obrigados a realizar.

“A Consellería de Economía xunto a outras consellerías da Xunta de Galicia están tramitando dende o primeiro momento varias liñas de axudas para empresas e autónomos co fin de paliar as nefastas consecuencias desta pandemia e pola cal xa levan axudado a moitos negocios do noso concello”, manifesta a voceira do Partido Popular de Gondomar.

Paula Bouzós trasladoulle o agradecemento do Partido Popular de Gondomar que no último pleno defendeu e apoiou o rexeitamento ao parque eólico do Galiñeiro, que considera que sería nefasto para os veciños de Gondomar e para a contorna do mesmo.