COGAMI sensibiliza ao alumnado do CPI Cova Terreña de Baiona sobre a prevención de lesións medulares

A Traballadora Social da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Xulia Garrido, acompañada de Elena Borrego, a Técnica de COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), impartiron dúas charlas sobre a prevención de lesións medulares ao alumnado do 3º curso da ESO do CPI Cova Terreña de Baiona.

Durante aproximadamente unha hora que duraron estas charlas, as dúas profesionais realizaron unha exposición teórica sobre cales son as situacións de risco que poden derivar nunha lesión medular, situacións temerarias que se realizan inconscientemente como poden ser os mergullos en lugares perigosos ou realizar manobras arriscadas e sen indumentaria apropiada cando se manexa unha motocicleta, bicicleta ou monopatín.

Outro dos temas tratados durante as intervencións foron as secuelas producidas por unha lesión medular, como asumilas e superalas. Para isto contouse coa participación de dous voluntarios de COGAMI, Ramón Rodríguez e Iván Pombo, que colaboran nestas charlas de sensibilización contando as súas propias experiencias. Estes dous voluntarios, aparte de contar as súas vivencias en primeira persoa, tamén explicaron as situacións discriminatorias coas que teñen que convivir a diario como as causadas polas barreiras arquitectónicas e tamén sociais que existen.

Estas charlas de sensibilización que desenvolven COGAMI e COCEMFE teñen por obxectivo concienciar á mocidade da importancia da prevención de situacións de risco, intentando contribuír á paulatina redución dos índices de discapacidade adquirida na poboación en xeral, e entre a mocidade en particular. A través deste tipo de actividades, orientada a centros educativos e laborais, búscase concienciar aos grupos de risco –mocidade, deportistas, profesionais- sobre as situacións de perigo máis evidentes como poden ser os accidentes domésticos, as caídas, os mergullos en zonas perigosas e os hábitos de prevención.