Xornada de portas abertas para os futuros residentes da Área Sanitaria de Vigo

A comisión de Docencia da Área Sanitaria de Vigo organiza unhas Xornadas de Portas Abertas para ofrecer información aos futuros residentes, tanto facultativos como enfermaría, sobre a actividade asistencial, docente e de investigación que se realiza nos centros da sanidade pública da área viguesa. Será o próximo martes dia 1 de xuño no Salón de Actos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Trátase da terceira edición destas xornadas -que foi suspendida o pasado ano por mor da pandemia- e reeditada, con todas as medidas de seguridade fronte ao Covid19, ante o éxito das organizadas en anos anteriores e ao gran volume de demanda de información recibida na comisión de Docencia, por parte dos interesados en realizar a súa e formación especializada nesta área sanitaria.

Nesta actividade informativa, na que participará o xerente da Área Sanitaria, Javier Puente, cóntase coa colaboración de titores e actuais residentes das diferentes especialidades, que serán os encargados de facilitar unha información máis directa sobre o día a día da súa labor asistencial. Así, se lles amosará aos futuros residentes as actividades máis destacadas, os programas formativos, a supervisión e titorización nas diferentes Unidades e a súa práctica clínica habitual. Para isto organizouse unha xuntanza cos representantes dos residentes e visitas “in situ” aos diferentes servizos acompañados de titores e residentes.

Ademais, se dedicará un tempo específico para expoñerlles tamén a vertente investigadora e docente da Área de Vigo, para o que se contará coas intervencións dos investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Angel Salgado e Eva Poveda.

Aqueles interesados en participar deben inscribirse nun rexistro, a través da secretaría da Comisión de Docencia, contactando no teléfono 986 217 659 ou do correo electrónico: comision.docencia.vigo@sergas.es.