A Cabalgata de Reis de Baiona repartirá 1.500 quilos de caramelos

O venres 5 de xaneiro está previsto que as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visiten Baiona subidos nas súas maxestosas carrozas e desfilando na Gran Cabalgata de Reis que organiza o Concello de Baiona.

O percorrido comezará ás 17:00 horas en Sabarís. Sairá desde a rotonda da Urbanización Puente Romano percorrendo as principais rúas da parroquia de Santa Cristina, pasando pola rúa Julián Valverde, Praza Victoria Cadaval, onde os Reis farán unha pequena parada, continuando pola Porta do Sol, Avda. Urbana ata chegar á praia de Santa Marta.

Desde Santa Marta a Cabalgata partirá ás 18:00 horas e percorrerá as principais rúas da vila, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro, Paseo Elduayen ata o Hotel Pinzón, onde a Comitiva Real continuará a pé ata a Praza do Concello. Alí os Reis recibirán a todos os nenos que queiran entregarlle a carta e falar persoalmente con eles.

O corte de tráfico realizarase desde a rotonda de Puga ata a de Villa Rosa de 17:30 a 20:30 horas. Previamente indicarase a desviación do tráfico cara ao centro da Vila pola circunvalación, colocando a correspondente sinalización na rotonda de Sabarís de acceso á autoestrada e na rotonda de Rocamar.

Un día antes, a Praza do Concello acollerá a partir das 17:00 horas a visita do Carteiro Real, para que os máis pequenos poidan facerlle entrega das súas peticións. O Concello de Baiona repartirá en total 1.500 quilos de caramelos aptos para celíacos nos máis de 2 quilómetros de percorrido da Cabalgata.