Finalizan as obras da nova biblioteca municipal de Nigrán

Alcalde de Nigrán, técnicos municipais e empresa construtora realizaron na mañá deste xoves unha visita de fin de obra ao edificio da nova Biblioteca Municipal de cara a recepcionala oficialmente a vindeira semana. A comitiva comprobou polo miúdo o resultado dos traballos, pendentes só de corrixir detalles de pintura ou acabados. “A nova Biblioteca é xa unha realidade, o resultado é realmente espectacular e estamos a punto de licitar a dotación do equipamento e mobiliario, xa con consignación de 224.000 € do Remanente de Tesourería”, incidiu o alcalde, Juan González, quen incide que o obxectivo é ter o traslado completado despois do verán.

O edificio municipal pasará de contar con 120 metros cadrados no Ceán a 1.260 m², xerando espazos novos como a sala infantil independente, zona de estudo ou outra de usos múltiples. Este ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que existan duplicidade de entradas, con accesos tanto desde a planta baixa como desde a primeira, o que favorece unha utilización polivalente. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente, na que se acometerán posteriormente obras para vincular máis o seu uso ao dos usuarios da biblioteca (bancadas, xogos infantís, etc.)

A infraestrutura de catro alturas e de planta irregular está clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada se expón de granito silvestre e coa mesma forma trapezoidal da parcela, consta de planta baixa (191 m2) onde dispón dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior. Finalmente, a cuberta, tamén de uso público e ideal para pequenos eventos, ofrece unhas espectaculares vistas da contorna.