Baiona aproba inicialmente uns orzamentos de 10,5 millóns para 2022

O grupo de goberno dirixido por Carlos Gómez Prado presentou os presupostos de 2022 por un importe de 10.448.470,97 euros, case medio millón de euros máis que o ano pasado. O alcalde destaca que estes orzamentos teñen un cariz fortemente social. “Aumentamos a partida de servizos sociais máis dun 13% con respecto ao ano 2021, e máis dun 10% no Centro de Información á Muller”.

Neste senso tamén destacan os convenios con asociacións sen ánimo de lucro, como pode ser o colexio Juan María, o que vai recibir tres veces máis que en 2018, e a asociación Avelaíña de saúde mental, que recibirá a tripla que o ano pasado. A estas hai que sumar os novos convenios, como son os casos da asociación AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia) e a Asociación Española contra o Cancro.

O rexedor Carlos Gómez, indica que no correspondente a investimentos cabe resaltar os 644.448 € da Deputación que se van investir en Baiona entre o Barrio da Anunciada, Camiño Bargiela, Camiño do Casteliño en Belesar, Río Pequeno e a zona da Bouza en Baredo, a reconstrución da ponte de madeira do río Guillade e a actualización do sistema antiincendios no parking do Aral. Por outro lado, aparecen os 600.000 € que, tras a firma do convenio entre o Concello de Baiona e Augas de Galicia, o ente autonómico vai gastar nos camiños As Monxas e Pouquena en Santa Cristina da Ramallosa.

Ademais dos investimentos indicados neste presuposto municipal hai que sumar os 2.837.119 € que o goberno de Carlos Gómez conseguiu de fondos europeos, correspondendo 837.119 € ao convenio con Deputación do REACPON e 2 millóns a través do Plan de Sostenibilidad Turística en Destino. O Alcalde expresa que “tras unha complexa e traballada xestión podo dicir que o meu equipo conseguiu traer o maior investimento para o Concello de Baiona no que vai de século”.