Vithas Vigo realiza a primeira reconstrución mamaria cunha malla biolóxica tridimensional de Galicia

Os doutores Gonzalo de Castro e Manuel García, da Unidade de Mama do Hospital Vithas Vigo, realizaron este mes unha reconstrución mamaria cunha matriz ou malla biolóxica tridimensional que reduce considerablemente a dor postcirúrxica, minimiza as posibilidades de encapsulamento e ofrece un aspecto estético máis natural nas operacións de reconstrución mamaria. Esta é a primeira vez que se utiliza este tipo de malla en Galicia e unha das primeiras que se realiza en España.

Neste caso, a prótese implantóuselle a unha paciente de máis de 70 anos á que se indicou unha mastectomía por un dobre tumor de mama. Tras o estudo do caso, o Dr. de Castro Parga, coordinador da Unidade de Mama de Vithas Vigo, considerouna ideal para a realización dunha reconstrución inmediata co uso de mallas biolóxicas cada vez máis demandadas.

As mallas biolóxicas ADM (acrónimo en inglés de Acelular Dermal Matrix, é dicir, mallas dérmicas acelulares) de orixe porcina permiten unha mellor adaptación postcirúrxica do organismo aos implantes, minimizando case por completo as posibilidades de rexeitamento ou de encapsulamento da prótese.

Este tipo de mallas permiten, fundamentalmente, colocar as próteses de maneira pre- pectoral, é dicir, sen necesidade de levantar o músculo pectoral. Se isto se fixera sen malla biolóxica, nalgunhas pacientes o corpo humano pode acabar encapsulando e/ou rexeitando o corpo estraño. Ata a introdución das mallas biolóxicas para a reconstrución pre-pectoral, o levantamento do músculo pectoral ocasionaba unha considerable dor nas pacientes durante varios días e a longo prazo podería xerar algún tipo de limitacións funcionais.

Agora, a novidade desta técnica radica non só na utilización de mallas biolóxicas, senón en que estas están preformadas en tres tamaños, o que fai que a cirurxía de reconstrución mamaria sexa moito máis rápida, e consecuentemente, o tempo de anestesia sexa menor. De aí, a súa denominación comercial de Braxon Fast.

Ademais, coa introdución destas mallas preformadas tridimensionalmente, das que se puxeron menos de cinco en toda España polo momento, permite que o volume da mama non sexa un obstáculo para a súa implantación, xa que se adapta a todos os tamaños.

O Dr. Gonzalo De Castro Parga, coordinador da Unidade de Mama de Vithas Vigo, considera que este tipo de mallas “permite unha mellor calidade de vida e moito menos dor”. Neste sentido, entende que “é unha evolución importante na calidade da cirurxía cada vez menos dolorosa” que presenta uns “excelentes” resultados nas candidatas apropiadas.

Neste sentido, o Dr. De Castro, que impartiu xa varias conferencias en foros científicos sobre as mallas biolóxicas, sinala que “desgraciadamente, non vale para calquera paciente”, senón que é necesario que exista “unha boa pel, e un bo colgallo adiposo para que a malla poida adaptarse correctamente” ao seo.