A Xunta solta en Monteferro o azor ferido en Nigrán tras completar a súa rehabilitación

A Xunta de Galicia procedeu hoxe á solta en Monteferro do azor que foi localizado por un particular o pasado mes de marzo e trasladado ao Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Carballedo, tal e como informou a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

A ave foi así devolta ao seu hábitat de orixe, tras comprobarse a súa completa rehabilitación. O azor, tal e como indicaron os técnicos de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, presentaba a súa chegada a Carballedo unha fractura no coracoides, un oso pertencente á articulación do ombreiro das aves, xunto coa clavícula e a escápula. Dado o difícil acceso cirúrxico a lesión foi tratada con medicación e fisioterapia, seguindo a pauta establecida polo veterinario e consoante ao tratamento de referencia para este tipo de fracturas.

Ao longo deste proceso, cómpre salientar que desde finais do mes de abril se lle trasladaba diariamente ás novas instalacións do túnel de voo ao obxecto de favorecer a recuperación da súa musculatura e a masa corporal e, especificamente, para fortalecer a parte danada. Deste modo, o que comenzou como un voo circular en altura, non exento de dificultades, pronto deu paso a un bo grao de desenvolvemento.

Túnel de voo

O novo túnel de voo forma parte das obras de mellora e ampliación que a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas leva acometendo no centro de Carballedo en Cerdedo-Cotobade desde o 2018 e que ascenden en conxunto a preto de 675.000 euros. O obxectivo desta actuación última actuación, realizada no 2019, é o de facilitar a práctica das aves recuperadas, previamente á súa solta no medio natural.

Tendo en conta os rexistros de entradas de animais en Carballedo, a gran maioría (preto do 90%) son aves e entre elas, predominan as aves rapaces e acuáticas, polo que se estimou necesario reforzar as actuais instalacións mellorando as dotacións dirixidas a garantir a rehabilitación deste tipo de especies animais. Consta así dunha instalación con piscinas e zona de baño para a recuperación de aves acuáticas. Dispón dun estanque e seis piscinas máis reducidas con divisións móbiles entre elas, de maneira que poidan xuntarse dúas.

Cómpre lembrar, ademais, que esta actuación é complementaria aos traballos executados no centro nunha primeira fase, que rematou a finais do ano 2018. No marco daquela reforma, levouse a cabo a adecuación dun edificio que xa existía para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria; así como a construción dun novo inmoble destinado á recuperación dos exemplares tratados e á súa preparación para devolvelos á súa contorna.

Coas melloras e os traballos de ampliación acometidos nas instalacións de Carballedo deuse un paso máis para o fomento da conservación e da recuperación das especies de fauna silvestre na provincia de Pontevedra. De feito, está considerado como un centro de recuperación de fauna silvestre punteiro, coa tecnoloxía e cos medios máis avanzados, e un deseño funcional que incorpora melloras nas condicións de aloxamento e nos medios específicos para a recuperación dos animais tratados.