Nigrán celebra este sábado a súa primeira Gala do Deporte con 40 premiados

O Concello de Nigrán celebra este sábado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a súa primeira Gala do Deporte, na que se premiarán a 40 deportistas de todo o municipio que son referente en diferentes disciplinas. Trátase dun evento aberto ao público e no que, ao finalizar o mesmo, terá lugar a actuación do grupo miñorano The Mirror con temas propios de funk, rock ou soul.

O nome dos premiados non se desvelará ata o propio momento da Gala, pero o Concello si desexa dar a coñecer xa as seis mencións especiais coas que homenaxeará a persoas retiradas ou clubs extintos que marcaron a vida deportiva do municipio. Así, renderase tributo aos dous históricos presidentes dos clubs de fútbol Racing Vilariño e Priegue Club de Fútbol, Jorge Souto e Odilo Dosil, respectivamente; aos atletas Javier Álvarez e Loli García, o olímpico en México 68 e Munich 72 e ela campioa de diferentes títulos nacionais e europeos e bronce en 5.000 metros nos Mundiais de Búfalo 1995. Ademais, nas mencións especiais a clubs xa desaparecidos figuran o Club Dunas de Balonmán, fundado en 1974 por Pepe Villar con participación en diferentes campionatos galegos e diversos trofeos acadados; e o Club Badminton Nigrán, que durante 12 anos proporcionou xogadores á selección española e galega.

“Será unha Gala na que homenaxear aos nosos deportistas e darlles a visibilidade que merecen, xa que moitos deles practican disciplinas moi pouco recoñecidas, ademais de existir unha fenda de xénero cando se trata de mulleres deportistas”, explica o alcalde, Juan González.

Anuncios