Galicia contará cunha nova unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Álvaro Cunqueiro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou en Vigo o programa funcional da nova Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil do hospital Álvaro Cunqueiro. Precisamente, hoxe publicouse o anuncio da licitación do proxecto por un importe de case 70.000 euros.

Esta nova Unidade, que sería a segunda de Galicia, se enmarca na estratexia de Saúde Mental 2020-2024 que contempla un importante incremento dos recursos dirixidos á poboación infanto-xuvenil. Neste senso, o conselleiro de Sanidade subliñou o compromiso do goberno galego na mellora da atención á saúde mental “que é un dos grandes retos do sistema sanitario galego, e por iso estamos a executar os compromisos do Plan de Saúde Mental, completando a contratación dos 120 profesionais comprometidos, e poñendo en marcha novas unidades ambulatorias de saúde mental tanto de adultos como infanto-xuvenís”.

Nesto senso, cabe subliñar que na área de Vigo, ademais desta Unidade de hospitalización, tamén se dotará cun Hospital de Día e unha nova Unidade ambulatoria.

Unidade de referencia para o sur de Galicia

En relación coa nova Unidade presentada hoxe, García Comesaña explicou que “con este novo recurso hospitalario específico, destinado á poboación de entre 12 e 16 anos, mellorará de xeito moi significativo a saúde dos pacientes con enfermidades mentais nesta etapa asistencial. Sería a segunda Unidade da comunidade, de referencia para preto de 50.000 pacientes do sur de Galicia, das áreas de Vigo, Pontevedra e Ourense”.

Pola súa banda, o xefe do servizo de Saúde Mental da Área Sanitaria de Vigo, José Manuel Olivares agradeceu o compromiso do Servizo Galego de Saúde coa mellora da saúde mental e explicou que é necesario a habilitación de recursos asistenciais coa creación de dispositivos psiquiátricos específicos para a poboación infantil e adolescente, xa que a maioría dos trastornos mentais crónicos se inician durante esta etapa da vida, polo que a prevención e o tratamento temperáns mellorarán o prognóstico destas patoloxías, así como a calidade de vida dos pacientes”.

Un 10-20% dos nenos e adolescentes con algún trastorno psíquico

A Unidade de Hospitalización Infanto-xuvenil ten como obxectivo o ingreso e hospitalización de pacientes menores de idade con patoloxía psiquiátrica que non podan manexarse de forma ambulatoria ou que pola súa situación clínica extrema e alto grao de especialización nos seus coidados, non estea indicado o ingreso en Unidades abertas como o servizo de Pediatría.

No momento actual, cando un menor necesita ingreso hospitalario, se hospitaliza na Unidade de Psiquiatría de Nenos e Adolescentes do Complexo Hospitalario de Santiago, ou na Unidade de Pediatría do Álvaro Cunqueiro cando son menores de 14 anos. Cando superan esa idade ou presentan condutas de risco e non é posible garantir o manexo e a seguridade do paciente en Pediatría, se hospitalizan na Unidade de Adultos de Psiquiatra do Cunqueiro.

Os problemas de Saúde mental teñen un peso significativo na morbilidade e a mortalidade dos nenos e mozos de todo o mundo: así, por exemplo, o suicidio é a terceira causa de morte nos menores de idade, sendo a adolescencia un grupo de especial risco. Os trastornos psiquiátricos, incluíndo especificamente a depresión, a esquizofrenia e o abuso de alcol, son a principal causa de discapacidade na poboación xuvenil a nivel internacional.

Con algunhas diferenzas entre países, os estudos epidemiolóxicos internacionais mostran que aproximadamente un 10-20% dos nenos e adolescentes padecen algún trastorno psíquico, sendo os máis frecuentes os trastornos de conduta, seguidos dos trastornos de ansiedade e o TDAH (déficit de atención e hiperactividade).

“Sabemos que aproximadamente a metade dos trastornos mentais aparecen por primeira vez antes dos 14 años e máis do 70% comezan antes dos 18 años. A súa abordaxe precoz supón un inxente aforro de sufrimento persoal e familiar, xa que evitará a cronicidade de numerosos trastornos psiquiátricos na idade adulta e mellorará a funcionalidade dos pacientes ao longo do seu ciclo evolutivo”-asegura o doutor Olivares.

A orixe dos trastornos mentais é debido a varios factores, como os xenéticos ou os ambientais, e non se pode atribuír a ningún deles en concreto. Os cambios da situación familiar e social teñen repercusión no benestar psicolóxico e na saúde mental dos nenos e nenas.

Unidade atendida por persoal especializado

A Unidade disporá dunha estrutura e equipamento para posibilitar un correcto funcionamento que garanta os coidados dos pacientes e a súa seguridade.

O seu programa funcional, distribuído en 622 metros cadrados, contempla 6 habitacións individuais, sala de actividades grupais, comedor e terapia de grupo, ademais de áreas propias do persoal como control, despachos e zoas comúns.

En canto aos recursos humanos estará atendida por 2 Psiquiatras, 1 Psicólogo, 1 Terapeuta ocupacional, 1 celador e un amplo equipo de enfermaría especializado en saúde mental, que deben garantir a seguridade e coidado integral dos menores, as 24 horas do día.