Arrancan as obras do parque canino de Gondomar

O parque canino de Gondomar está a tan só dous meses de converterse en realidade. A área situada no solar municipal da Avenida Curros Enríquez onde ía proxectado o polémico tanque de tormentas a escasos metros do edificio As Garzas contará con 3.000 metros cadrados. Trátase da iniciativa desta tipoloxía máis ambiciosa da comarca, onde as áreas de esparexemento mesturaranse cun parque biosaudable e outro para os cans que estará dotado dun circuíto “agility”. Ademais marcarán o inicio doutro dos plans que o Concello ten pensados para o acondicionamento da marxe fluvial do Miñor, que non é outro que a construción dunha senda fluvial que nacerá neste punto e acabará na ponte románica de Mañufe, de 1,2 quilómetros de longo. Polo momento o proxecto está en fase de elaboración e os detalles daranse a coñecer en breve, unha vez estea rematado o documento.

Os traballos que comezaron a pasada semana estarán rematados cara a finais de xuño por valor de 85.000 euros e están financiados pola Deputación. Unha vez finalizado, o alcalde Paco Ferreira adiantou que impartirán cursos gratuítos de adestramento con especialistas e tamén darán nocións aos donos en materia de lexislación. “Terá unha clara orientación pedagóxica para que todo aquel que teña unha animal de compañía saiba como ten que proceder con el, e deste xeito previr posibles sancións”, explica o rexedor.

Pedro González Souto, de Areeira Arquitectos e encargado da elaboración do plan, explicou en detalle como se distribuirá o espazo que finalmente se desprazará lixeiramente cara á zona máis apartada do río deixando así a marxe suficiente para o ensanche do leito previsto pola Xunta nas actuacións por 2,6 millóns anunciadas para acabar coas inundacións da parte baixa do casco gondomareño. Deste xeito o espazo destinado aos cans terá 600 metros cadrados e contará cun areal para que os cans poidan estar soltos nun recinto valado aínda que o máis novo será o circuíto “agility”. Unha modalidade que combina disciplina e deporte a través dun percorrido composto por varios elementos onde os animais acompañados dos seus amos teñen que superalos a toda velocidade.

O roteiro biosaudable estará dividido en tres subzonas, unha adaptada, outra para dúas persoas e a última que dará cabida a sete usuarios simultaneamente, á súa vez irá outra destinada ao descanso e esparexemento con mesas tipo merendeiro, unha pérgola, mobiliario urbano e iluminación, en total abarcarán 2.400 metros.