A Unidade de Retina do Chuvi implementou a consulta de acto único durante a pandemia

A Unidade de Retina do servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo enfrontouse á pandemia da Covid19 xestionándoa como unha “oportunidade de mellora”. Así, desenvolveuse unha estratexia baseada na introdución de importantes cambios organizativos co obxectivo de mellorar a eficiencia e garantir a atención a todos pacientes nos momentos máis críticos da primeira onda da Covid19.

Entre as medidas máis significativas cabe subliñar a implantación da Consulta de Acto Único e a apertura de dúas axendas en xornada de tarde.

Segundo explica a responsable da Unidade de Retina, a oftalmóloga Marta Rodriguez, “nós xa partiamos dunha situación de alta demanda de atención, co agravante de que os nosos pacientes son de idade avanzada, con múltiples patoloxías asociadas como trastornos vasculares ou diabetes, e que necesitan realizar numerosas visitas ao hospital, o que implicaba un maior risco de Covid. Sen embargo, decidimos apostar por unha estratexia que nos permitira garantir a atención a todos os pacientes con todas as medidas de seguridade. Para isto, era necesario adoptar novas medidas organizativas e asistenciais, o que supuxo un gran reto”.

Consultas resolutivas

As Consultas de Acto único son modelos de atención moi áxiles e resolutivos, xa que na mesma cita médica o paciente é diagnosticado, valorado e tratado. Isto é, na Unidade de Retina se realiza a exploración oftalmolóxica coas probas necesarias para poder obter unha valoración no mesmo día e, se está indicado, ao paciente tamén se lle administra o tratamento intravítreo.

A posta en marcha desta Consulta de Acto Único tense desvelado como eficiente na aplicación dun diagnóstico, produce unha redución das visitas sucesivas ao hospital, diminúe a ansiedade no paciente pola demora do proceso diagnóstico, e, en consecuencia, aumenta a súa satisfacción ao ver reducida a súa espera.

Resultados positivos

Neste contexto, a Unidade de Retina, tras unha revisión dos seus procedementos e protocolos, tamén implementou outras medidas, como evitar ou minimizar os desprazamentos innecesarios dos pacientes a diferentes áreas do hospital; ou suprimir aqueles circuítos burocráticos ineficaces para facer máis áxil o traballo.

Ademais, incrementaron o tempo de atención a estas patoloxías, habilitando dúas axendas en xornadas de tarde e dotando á Unidade de máis persoal. “Isto é, fixemos unha reordenación completa do traballo para facelo máis eficiente, e neste momento non temos lista de espera para estas patoloxías”, explica a doutora Rodriguez.

“O impacto de todas estas medidas ten resultado moi positivo e a día de hoxe temos unha capacidade do 100% no tratamento e seguimento dos pacientes que precisan terapia intravitrea. Podemos dicir que o noso traballo nunca estivo tan ben organizado e os nosos pacientes nunca estiveron mellor controlados”.

15.000 pacientes anuais

A Unidade de Retina, emprazada no hospital do Meixoeiro, está composta por 6 oftalmólogos, 2 TCAES e 2 enfermeiras. Atenden a 15.000 pacientes anuais, fundamentalmente con patoloxías de dexeneración macular asociada a idade (DMAE) ou retinopatía diabética.

Á maioría destes pacientes se lles indica terapia intravítrea -a inxección dun fármaco no interior do ollo-. Anualmente tratan a 5.000 pacientes con esta terapia. “Os avances dos tratamentos son espectaculares. Aínda que a dexeneración macular é incurable, hai uns anos a perda de agudeza visual era irreversible e os pacientes quedaban cegos, mentres que agora, cos novos fármacos conseguimos manter inactiva a lesión e conservar unha visión axeitada”.