“A Groba non se vende, a Groba se defende!”

Máis de mil persoas acudiron este domingo á Marcha Reivindicativa pola Serra da Groba, convocada polo IEM e a Plataforma SOS GROBA, co apoio de máis de 60 colectivos. A andaina partiu do Alto da Mata, a uns 200 metros do Cortelliño, cun percorrido curto pola estrada ata o Alto da Groba. “A Groba non se vende, a Groba se defende!”, “Eólicos na Groba, pim, pam fóra!”, ou “Renovables si, pero non así”, foron algunhas das proclamas máis repetidas polos asistentes, entre os que se atopaban os alcaldes e alcaldesas de Baiona, O Rosal e Tomiño, e o tenente de alcalde de Nigrán. Como representantes dos concellos afectados, como lexítimos representantes dos veciños, participaron na lectura do manifesto convidados pola organización, como mostra de apoio ao rexeitamento destes proxectos. “Contamos e esperamos o apoio de todas as corporacións, que xa votaron mocións de rexeitamento nos respectivos plenos, na loita legal contra esta invasión eólica que nos trae máis perdas que beneficios”.

Ante a previsión da Xunta de Galicia de instalar en toda a Serra da Groba 7 parques eólicos con aeroxeradores de máis de 200 metros de altura e de 5,6 MW, con unha rede de Km de cableado soterrado e polo ar, dependendo dos casos, con antenas meteorolóxicas de 75 metros de altura e 5 subestacións para ordenar a produción, e encamiñala cara a Rede Eléctrica Estatal, en proxectos non contemplados e que irían despois da construción dos parques eólicos e que se fai constar nos avances dos proxectos na Avaliación Ambiental Inicial publicada na páxina da Consellería de Medio Ambiente da Xunta dos proxectos xa en tramitación Albariño, Merendón, O Rosal, Toroña I e Torroña, e que desaparecen da mesma pasados os 40 días de exposición pública. No Plano Eólico de Galicia aínda se contemplan dous parques máis o Torroña III e o Toroña, cuns nomes e datos moi confusos que van variando a medida que a Xunta vai facendo públicos os avances na páxina da Consellería de Medio Ambiente.

Cun fraccionamento intencionado de proxectos, tense previsto a instalación de 44 ou 54 aeroxeradores xigantes (depende de páxina da Xunta que se consulte) que converterían toda a Serra da Groba nun gran parque industrial con graves afeccións á paisaxe e a orografía da serra e, fundamentalmente, á biodiversidade de fauna e flora que, nalgúns casos xa en perigo de desaparición, e que se vería aínda máis acelerado o alterar brutalmente os ecosistemas.

Os concellos afectados, e fundamentalmente o de Oia, verían perigar o grande patrimonio natural e patrimonial que posúen e afectaría moi negativamente os proxectos de dinamización cultural e turísticos que están levando a cabo e a futuros proxectos de recuperación patrimonial, como o do Mosteiro de Oia e a ruta Xacobea pola costa. Unha serra chea de xigantescos aeroxeradores impactando na paisaxe e na orografía, un continuo zunido que se escoitará a quilómetros, dependo da dirección do vento, e unha alteración do subsolo e nacentes de auga dos que se abastecen a maioría das traídas de auga veciñais, como as de Viladesuso e Mougás, Belesar e Baíña e todo o encoro de Baíña que abastece a Baiona.

“Un modelo especulativo de produción de enerxía sen contar cos veciños, os propietarios dos montes e os concellos, que no último dos casos, cobrarían unha renda coa que non cubrirían nunca as perdas derivadas deste modelo tan impactante”, aseguran.

O IEM e a plataforma Serra da Groba, na que están colectivos de todo o Val Miñor e Baixo Miño, Vigo e bisbarra, veñen facendo palestras informativas polas parroquias para explicar os proxectos que se coñecen e os impactos que xerarían, con datos oficiais e cun análise do territorio que coñecen ben por anos de estudo. “A Serra da Groba é un museo o aire libre que posúe a maior densidade de xacementos arqueolóxicos da península Ibérica, uns catalogados e moitos outros sen catalogar e que dende o IEM veñen reclamando dende hai máis de 15 anos a súa catalogación. Xa o Parlamento de Galicia no seu momento aprobara por unanimidade, a unha proposta para catalogar a Serra da Groba. Dende aquela non se fixo nada no que respecta o patrimonio cultural nin no natural, ao non catalogar e protexer os humedais e espazos de interese natural que teñen importancia, coa súa inclusión da Rede Natura, tal como demanda a Unión Europea”.

Marcha Reivindicativa pola Serra da Groba

🎥 VIDEO: Marcha Reivindicativa pola Serra da Groba.

Publicado por Valmiñor TV en Domingo, 16 de mayo de 2021

El pase de diapositivas requiere JavaScript.