Podemos Val Miñor e Rebeldía Galicia apoian a marcha en defensa da Serra da Groba

Os Círculos de Podemos do Val Miñor, Rebeldía Galicia e o deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino, apoiarán a marcha convocada polo IEM e a Plataforma SOS a Groba, deste domingo ás 11:00 horas desde o Alto da Mata, co fin de sumar forzas co obxectivo de frear esta nova ameaza ao noso medio natural, á vez que reclaman nas institucións a máxima protección medioambiental para a Serra da Groba.

O pasado mes de febreiro Unidas Podemos elevou ao Congreso e ao Parlamento Europeo a falta de dilixencia e os reiterados incumprimentos do Goberno Galego na protección dos nosos espazos naturais e súa intención de instalar parques eólicos en espazos como Trevinca, A Groba e O Galiñeiro. O que a Comisión Europea respondeu abrindo unha investigación formal ao respecto das “insuficiencias detectadas” en relación á conservación de determinados hábitats e especies de interese comunitario.

A Serra da Groba constitúe un espazo de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paisaxística que, neste momento vese ameazado pola instalación de parques eólicos. En concreto, os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeradores e 4 subestacións de transformación e transporte.

“As grandes empresas do oligopolio eléctrico e o goberno da Feijóo pretenden que Galicia sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade de decisión, cun modelo que non conta coa participación social e sen garantías de protección medioambiental, como no caso da Serra da Groba. Fronte a este modelo, a organización morada continuará a defender unha enerxía eólica sustentable e equitativa, que permita que galegas e galegos se beneficien da condición de potencia produtora de enerxía eléctrica”, apuntan desde Podemos.

Neste sentido, afirman que cómpre corrixir a antidemocrática falta de transparencia e información existente sobre estes proxectos eólicos e garantir a participación da sociedade galega. Sendo fundamental contar cunha nova lexislación e un novo Plan sectorial que ordene o territorio e blinde aquelas zonas que, como a Serra da Groba, deben estar libres de eólicos.