O BNG anima á participación na marcha en defensa da Serra da Groba

FOTO: SOS GROBA // Serra da Groba.

A Serra da Groba constitúe un espazo de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paixasística que, neste momento vese ameazado pola instalación de parques eólicos. En concreto, os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeradores e 4 subestacións de transformación e transporte.

Por este motivo, desde o BNG apoian e animan á participación na marcha contra este proxecto eólico, convocada polo IEM e a Plataforma SOS a Groba, para este domingo 16 de maio ás 11:00 horas desde o Alto da Mata, co fin de sumar forzas co obxectivo de frear esta nova ameaza ao noso medio natural, á vez que reclamará no Parlamento Galego a máxima protección medioambiental para a Serra da Groba.

Para o BNG o modelo eólico do PP, que ameaza á Serra da Groba e outros moitos espazos naturais ao longo do territorio galego, obedece a un modelo depredador que coloca Galicia como mera produtora de enerxía ao servizo do espolio das grandes eléctricas.

“As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado pretenden que Galicia sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade de decisión, cun modelo que non conta coa participación social e sen garantías de protección medioambiental, como no caso da Serra da Groba”, apuntan desde o BNG.

Fronte a este modelo, a organización nacionalista continuará a defender unha enerxía eólica sustentable, xusta e galega, que permita que galegas e galegos se beneficien da condición de potencia produtora de enerxía eléctrica.

“Neste sentido, cómpre corrixir a antidemocrática falta de transparencia e información existente sobre estes proxectos eólicos e garantir a participación da sociedade galega. Sendo fundamental contar cunha nova lexislación e un novo Plan sectorial que ordene o territorio e blinde aquelas zonas que, como a Serra da Groba, deben estar libres de eólicos”, conclúen os nacionalistas.