
A Xunta colaborará co Concello de Gondomar para minimizar o risco de inundacións nos ríos Miñor e Zamáns, ao seu paso por este municipio pontevedrés, cun investimento autonómico que supera os 2,6 millóns de euros.
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Gondomar para levar a cabo as obras necesarias para mellorar a drenaxe na confluencia destes ríos ao seu paso polo municipio de Gondomar, para minimizar as posibles consecuencias do seu desbordamento nesta zona cualificada como de risco potencial significativo de inundacións.
Trátase de intervencións estruturais no treito do río Miñor, entre a ponte situada na avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do antigo colexio- e a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns, desde a ponte que hai na avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.
No cumprimento do obxecto do convenio autorizado hoxe polo Goberno galego, a entidade hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas a reducir os efectos negativos dos asolagamentos nesta área. As obras estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.
Pola súa banda, mediante este acordo o Concello de Gondomar asume a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios, tal e como establecen os convenios de
colaboración destas características en todas as confederacións hidrográficas e de acordo coa instrución do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tamén asume a obriga de conseguir as autorizacións necesarias para a execución dos traballos, de recibir as obras, así como o seu mantemento e conservación, empregando as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.
O detalle das actuacións
O concello de Gondomar, nos últimos anos, foi afectado por choivas e temporais que ocasionaron o desbordamento dos seus ríos ao paso polo núcleo urbano.
As actuacións obxecto do convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico, que buscan minimizar os asolagamentos neste contorno, están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Miñor e Zamáns, nos cales Augas de Galicia previu as distintas opcións para o desenvolvemento de intervencións que contribúan a minimizar o risco de inundación.
Nas obras previstas destaca a actuación no río Miñor, coa demolición da ponte da avenida Curros Enríquez e a construción dunha nova estrutura neste río sobre a estrada autonómica PO-340, de case 85 metros de lonxitude e con tres vans.
Tamén se propón a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor para que funcione a modo de desaugadoiro complementario no caso de episodio de inundacións, así como actuacións nos muros do río Zamáns, elevando a altura do valo existente e executando outro muro pantalla que substitúa o actual, que está danado.
Ademais, actuarase no rebaixe do río Miñor e adecuarase a zona, eliminando o recheo xunto ao campo de fútbol na marxe esquerda, con actuacións nos paseos, accesos ás pasarelas e outras adaptacións necesarias para mellorar a accesibilidade.
A estas intervencións principais sumaranse outras actuacións complementarias, como a adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares, a limpeza dos leitos de ambos os ríos e a recuperación do bosque de ribeira.
Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación
Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se espera aprobar a finais de ano.
En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira,
Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Baíña e o Groba, en Baiona; así como no Lagares, en Vigo.
Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e concellos, para minimizar o risco de enchentes.
O Goberno galego segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.